A Xunta, o CSIC e o Goberno de Israel intercambian coñecementos e experiencias sobre o estudo das características biolóxicas e agrónomas do solo

Unha investigadora do Centro Superior de Investigacións Científicas e unha representante do Ministerio de Agricultura de Israel visitaron o Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude

Boqueixón (A Coruña), 13 de xuño de 2023 O Centro de Formación e Experimentación Agraria de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, foi escenario dun intercambio de información e coñecemento en relación co estudo das características biolóxicas e agrónomas do solo. Así, técnicos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e do propio centro, trasladaron a súa experiencia á investigadora do Centro Superior de Investigacións Científicas, Montserrat Díaz, e á representante do Ministerio de Agricultura de Israel, Dafna Casarreto. Ambas explicaron tamén coñecementos da súa materia. 

Durante a súa visita ao centro da Consellería en Sergude, as investigadoras estiveron acompañadas dos alumnos e profesores dos ciclos de Produción Agropecuaria e de Aproveitamento e Conservación do Medio Natural. Durante o encontro, tanto as visitantes como o persoal do centro puideron avaliar as capacidades de cada solo en función da actividade agraria á que se destine, xa sexa para agricultura intensiva, extensiva ou forestal; así como coñecer técnicas de estudo como as analíticas de laboratorio e a xeoinformática que permiten elaborar mapas dos solos e recomendar o uso máis indicado. 

Pola súa parte, a científica e representante do Ministerio de Agricultura de Israel trasladou ao alumnado como é a agricultura neste país, onde son líderes en tecnoloxías agrícolas como o sistema de rega. Ademais, Dafna Casaretto comentoulles que os cultivos no seu país son as hortalizas, os cítricos, aguacates, dátiles e outras froitas.

 

Data de actualización: 13/06/2023