A Xunta organiza na Coruña unha xornada para actualizar a resposta institucional aos novos desafíos da igualdade no eido laboral

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade reunirá na cidade herculina expertos autonómicos, do ámbito xudicial, académico, da inspección de traballo, dos sindicatos, da patronal, de colectivos profesionais e de oenegués

Darase voz a catro mulleres que exercen en sectores masculinizados: unha motoserrista, unha operaria de traballos verticais, unha patroa de barco e unha traballadora da pedra natural

A Administración autonómica está a tramitar no Parlamento de Galicia unha nova lei da igualdade que acuñará de xeito pioneiro o concepto de sustentabilidade social empresarial para afirmar o compromiso das empresas coa equidade de xénero

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2023 A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade celebrará mañá na Coruña unha xornada -Igualdade, diversidade e violencia no traballo: actualidade e futuro- na que expertos de diferentes áreas abordarán os desafíos que para a igualdade de oportunidades supoñen as novas formas de traballo, a diversidade dos equipos ou as tendencias marcadas pola intelixencia artificial e na que constan inscritas máis de 320 persoas en modalidade presencial e en liña.  

A conferencia de apertura correrá a cargo de María Emilia Casas, primeira muller que presidiu o Tribunal Constitucional nunha xornada que se estruturará en catro mesas de traballo sobre as seguintes temáticas: a violencia e o acoso no mundo do traballo; a igualdade e diversidade no ámbito laboral; a negociación colectiva como mecanismo de ruptura da infrarrepresentación feminina e a fenda salarial; e a ausencia de límites para as mulleres en calquera ocupación. Ademais celebraranse relatorios acerca dos desafíos e novas interpretacións xurisprudenciais na materia, sobre a intelixencia artificial e os dereitos das mulleres ou a fenda salarial.

Participarán na sesión mulleres profesionais de actividades tradicionalmente masculinizadas como a pedra natural, unha motoserrista, unha patroa de barco ou unha encargada de traballos verticais. A Xunta ademais contará coa presenza de representantes autonómicos, de expertos procedentes do ámbito académico, das organizacións sindicais e empresariais, de oenegués, de colectivos profesionais, da Inspección de Traballo, e mesmo do Instituto Nacional da Seguridade e Saúde no Traballo ou da Organización Internacional do Traballo.

O programa da xornada, que se celebra no Hotel Attica 21 da cidade herculina, está ao dispor do público na seguinte ligazón: https://untraballodefondo.gal/programa/.

Con actuacións coma esta, a Xunta de Galicia está a referendar o seu compromiso coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas contornas de traballo, con especial atención á prevención de riscos en clave de xénero e ás novas tendencias laborais, que precisan da adaptación da resposta institucional.

Neste marco, o Goberno galego está a tramitar no Parlamento de Galicia unha nova lei de igualdade que situará á comunidade como punta de lanza ao se converter na primeira administración en recoñecer nunha norma o concepto de sustentabilidade social empresarial. A medida pretende ser un acicate para que as empresas galegas favorezan a igualdade de oportunidades entre o persoal traballador con independencia do seu xénero e creen equipos diversos, mellorando a súa competitividade e converténdose en polos de atracción e retención do talento.

A sustentabilidade social empresarial converterase, con este compromiso, nun dos eixos fundamentais para loitar contra a discriminación da muller no eido laboral e para facer efectiva a igualdade de oportunidades en Galicia superando conceptos como a responsabilidade social empresarial e aliñando a norma autonómica cos últimos avances normativos a nivel estatal e internacional, así como tamén coas novas tendencias do mercado de traballo.

Data de actualización: 12/06/2023