A Xunta aborda en Bruxelas a situación dos fondos do mecanismo de recuperación e o plan estratéxico de Galicia 2030

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos manterá hoxe e mañá diversos encontros con representantes da Comisión Europea

Nestas reunións trasladará o que Galicia está a facer con todos os recursos europeos dispostos ata o momento

Bruxelas, 12 de xuño de 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos aborda esta semana en Bruxelas a situación dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) e o Plan Estratéxico de Galicia 2030.

Neste marco, o titular da Facenda autonómica reunirase hoxe con Normunds Popens, director xeral adxunto da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea; con María Teresa Fábregas Fernández, directora para España do Grupo de Traballo “Recuperación e Resiliencia” da Comisión Europea; e con Alejandro Blanco, conselleiro da Representación Permanente de España ante a UE. A continuación, mañá martes, Miguel Corgos manterá un encontro con María Iglesia, xefa de Unidade para España e directora para Condicións de Traballo e Diálogo Social da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Comisión Europea.

Esta visita institucional ten un dobre obxectivo: por unha banda, poder contar con información de primeira man e, por outra, poñer en coñecemento das autoridades europeas o que se está a facer en Galicia cos recursos procedentes do MRR, así como tratar as posibilidades existentes para mobilizalos.

Mecanismo de Recuperación e Resiliencia

En canto ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, os recursos asignados a Galicia ascenden a 1.375 millóns de euros, aínda que polo momento a Comunidade só ten ingresados 1.193 millóns de euros.

A Xunta ten mobilizada a práctica totalidade dos fondos recibidos e, neste sentido, a execución dos recursos do MRR xa beneficiou a 33.000 galegos, máis de 7.200 autónomos e máis de 3.200 entidades.

Ademais, nos primeiros cincos meses de 2023, o Goberno galego adxudicou o 67% dos 527 millóns de euros dos fondos do MRR previsto no orzamento inicial deste ano, é dicir, uns 354 millóns de euros.

O conselleiro aproveitou a súa visita para trasladar á Comisión Europea a preocupación e as dúbidas da Xunta ante a recente aprobación por parte do Goberno central da axenda do Plan de Recuperación.

Plan Estratéxico de Galicia 2022- 2030

Por outra banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, tamén presentará esta tarde na oficina da Fundación Galicia Europa o Plan Estratéxico de Galicia (PEG) 2022-2030. Unha folla de ruta para esta década coa que seguir fortalecendo a economía de Galicia, o seu tecido empresarial e os servizos públicos, ademais de favorecer as transicións verde e dixital, sen deixar atrás a protección social para os sectores máis necesitados e un reforzo do Estado de Benestar.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2023