A conselleira de Política Social e Xuventude participou hoxe nesta iniciativa organizada por Aldeas Infantiles e que se desenvolveu no Parlamento autonómico

Fabiola García felicita aos 80 participantes do programa Deputados por un día por defender causas xustas para mellorar Galicia

O compromiso máis votado polos “novos parlamentarios” foi o de loitar polo clima utilizando máis o transporte público e a bicicleta, e menos o coche

Os centros educativos participantes no día de hoxe foron: o Colexio San Pelayo-Emma (Santiago de Compostela), o centro Poeta Uxío Novoneira (Folgoso do Courel), colexio Padre Feijóo Zorelle (Ourense) e o CEIP Nazaret (Cangas).
 

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García felicitou aos 80 rapaces que participaron esta mañá no programa Deputados por un día de Aldeas Infantiles no Parlamento de Galicia. Estes mozos que fixeron de parlamentarios tiveron que escoller entre varios compromisos, sendo o máis votado o de loitar polo clima utilizando máis o transporte público e a bicicleta, e procurando usar menos o coche. En segundo e terceiro lugar quedaron, respectivamente, practicar máis deportes nos centros escolares e facer as mesmas tarefas na casa e non facer distinción de xénero tanto no deporte como na forma de vestir. 

Fabiola García puxo en valor o apoio da Xunta de Galicia para fomentar o espírito crítico e para garantirlle aos máis novos espazos para trasladar as súas inquedanzas e necesidades. Nesta liña, agradeceu a todos os rapaces participantes a súa vontade de achegar a súa opinión e defender causas xustas para mellorar Galicia.  

A través deste programa, no marco da iniciativa Abraza tus valores, Aldeas Infantiles procura implicar aos máis novos na toma de decisións para a construción dunha sociedade sen desigualdades. Nesta edición, durante todo o curso participaron máis de 8.800 alumnos de 5º e 6º de Primaria de preto de 90 colexios de toda Galicia. 

Finalmente, foron 80 rapaces, de entre 10 e 12 anos e de catro centros, os que acudiron hoxe ao Pazo do Hórreo. Os centros educativos participantes foron: o Colexio San Pelayo-Emma (Santiago de Compostela), o centro Poeta Uxío Novoneira (Folgoso do Courel), colexio Padre Feijóo Zorelle (Ourense) e o CEIP Nazaret (Cangas).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2023