A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe nesta actividade, que se enmarca no programa Obradoiros Talento Mozo

A Xunta dá a coñecer ao alumnado do IES Auga da Laxe iniciativas protagonizadas por emprendedores

María Fontán, mariscadora e creadora da conta ‘Mariscadora 2.0’, e Isaac González, produtor audiovisual, trasladaron aos estudantes as súas experiencias e responderon ás súas dúbidas sobre oportunidades formativas e laborais

Gondomar (Pontevedra) 12 de xuño de 2023 A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta mañá á charla sobre emprendemento que tivo lugar hoxe no IES Auga da Laxe de Gondomar no marco do programa Obradoiros Talento Mozo, que se pon en marcha este curso por primeira vez e que está dirixido a alumnado de secundaria de toda Galicia. No obradoiro de hoxe contaron as súas experiencias María Fontán, mariscadora que divulga o seu oficio a través de ‘Mariscadora 2.0’, e Isaac González, produtor audiovisual.

A directora xeral destacou que con Obradoiros Talento Mozo quérese dar visibilidade á creatividade, empuxe, potencial e capacidade de innovación que ten a xuventude galega. A través desta iniciativa estanse a facer unha trintena de coloquios nos centros de secundaria galegos para presentarlle ao alumnado casos de éxito da mocidade e promover que sirvan de referencia. Así mesmo, nestes coloquios dáse resposta ás dubidas que as mozas e mozos poidan ter á hora de escoller estudos superiores e a súa posterior inserción no mercado de traballo.

María Fontán creou no ano 2019 ‘Mariscadora 2.0’, conta na que comparte contida todos os días que vai traballar co obxectivo de dar a coñecer o seu oficio. Pola súa banda, Isaac González puxo en marcha varias empresas no ámbito da produción audiovisual, tamén fundou unha axencia de comunicación e marketing e fixo as súas incursións no sector gastronómico. Ambos puideron darlle a coñecer aos estudantes a súa historia profesional, así como falarlles da importancia de potenciar habilidades persoais ou das oportunidades que existen en Galicia para desenvolver unha carreira profesional.

Data de actualización: 12/06/2023