O novo centro integrado de FP Vilamarín (Ourense) reforzará o seu liderado nas ensinanzas do sector agro-hostaleiro con tres ciclos duais e 90 prazas máis
Román Rodríguez destaca que a conversión en CIFP é unha “aposta firme” polo impulso da especialización na Formación Profesional e de “apoio ao rural galego”
Será o cuarto centro deste tipo na provincia de Ourense e o primeiro radicado fóra da cidade que se integrará na rede de 27 CIFP a partir do vindeiro curso
O conselleiro tamén se despraza ao Salón de Alimentación do Atlántico, SALIMAT, para visitar o stand da FP Galega, onde mostra a súa oferta e saídas profesionais
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá o Instituto IES Vilamarín (Ourense) que, a partir do próximo curso, comezará a funcionar como Centro Integrado de FP para dar conta das novidades e melloras que supón esta conversión.
Colaboración co sector socio-económico
Román Rodríguez tamén sinalou que neste proceso “é fundamental o establecemento de sinerxías cos sectores socio-económicos da contorna” e, neste senso, aludiu aos diversos encontros que se están realizando cos distintos axentes empresariais no marco do Plan Conecta FP para o deseño dunha oferta de FP aliñada coas demandas do mercado.
De feito, a falta de aprobar oficialmente nos vindeiros días a oferta final destas ensinanzas para o próximo curso, no caso deste novo CIFP Vilamarín, Román Rodríguez avanzou que o centro incorporará tres novos ciclos de modalidade dual en Xestión de aloxamentos turísticos, en Dirección de servizos de restauración e en Dirección de Cociña, que sumarán un total de 90 prazas máis.
Ademais, estes dous últimos, incorporarán tamén unha oferta parcial de módulos de outros ciclos para reforzar a formación do alumnado e atender ás necesidades transmitidas polo sector produtivo. Así pois, o ciclo dual de Dirección de servizos de restauración terá unha oferta parcial de Xestión de aloxamentos turísticos, e o de Dirección de cociña teraa de Produción agroecolóxica. “Todo isto é posible -asegurou co conselleiro- grazas a implicación e ao compromiso” dunha vintena de empresas destes sectores.
A transformación deste instituto en Centro Integrado de Formación Profesional -de cuxo acordo deu conta o pasado Consello da Xunta- é unha aposta polo sector agro-hostaleiro, no que xa é unha referencia, e pola hostalaría sostible de quilómetro cero.
Innovación e emprendemento
Actualmente hai 24 centros integrados de FP na Comunidade e o vindeiro curso elevaranse a 27 coa incorporación de Vilamarín, Montecelo en Pontevedra e Audiovisual en Vigo, un pasos clave para seguir potenciando a Formación Profesional en calidade e empregabilidade grazas a unha oferta modular, flexible e adaptada ás necesidades.
Presenza da FP Galega no Salón Salimat
Posteriormente, o conselleiro Román Rodríguez e directora xeral de FP desprázanse á Silleda para visitar o stand da Xunta dedicado á Formación Profesional no Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat), que se está a desenvolver na Feira Internacional de Galicia Abanca. Neste espazo ofrécese información sobre os diferentes ciclos e modalidades de FP que se imparten no sistema educativo galego, sobre as súas saídas profesionais e sobre o proceso de acreditación de competencias, entre outros.
Todos eles realizan diversas actividades de showcooking e degustacións de produtos elaborados polo alumnado, ao que o conselleiro felicitou persoalmente e agradeceu que aproveitaran “esta boa oportunidade” para promocionar a FP en xeral e, en particular, “as familias profesionais máis directamente relacionadas coa temática deste evento” entre os visitantes do salón.