A Xunta clausura as Catas de Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou hoxe no acto que puxo fin ao proceso de catas que involucran 180 empresas do sector

Este evento busca promocionar os viños, augardentes e licores galegos elaborados con variedades autóctonas

Boqueixón (A Coruña), 9 de xuño de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou hoxe na clausura das Catas de Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2023 que organiza a Xunta cos consellos reguladores. Dende o día 5 ata hoxe, 9 de xuño, reuníronse no Pazo de Quián en Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, as propostas de máis dun cento de empresas do sector.

 

Nas catas que se desenvolveron estes días participaron 180 empresas de Galicia, das cales, 16 correspóndense ás distintas indicacións xeográficas de Augardentes e Licores Tradicionais. O resto do panel ocupouno o viño, que contou con 384 mostras das cinco denominacións de orixe e de catro indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas de Galicia.

 

O director agradeceu o labor da vintena de catadores de toda Galicia que durante estes días traballaron de xeito intenso nas catas a cegas para poder desenvolver as diferentes fases do concurso que hoxe chegou ao seu final. Nesta xornada celebráronse as fases finais para escoller o mellor viño de cada denominación de orixe, así como para seleccionar os mellores tintos en madeira ou viños de colleitas anteriores.

 

Así, este evento organizado pola Consellería de Medio Rural e polos consellos reguladores, ten como fin promocionar, identificar e premiar os mellores viños, augardentes e licores elaborados fundamentalmente con uvas de variedades autóctonas, produtos dotados dun carácter único e dunha personalidade recoñecible dentro e fóra da nosa comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2023