Ángeles Vázquez avoga por promover a concienciación ambiental na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia

Silleda (Pontevedra), 9 de xuño de 2023 A Xunta promove a concienciación ambiental na Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia a través de diversas actividades educativas que se están a desenvolver no stand que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural instalou en Silleda con motivo da celebración da 42 edición deste prestixiosa exposición internacional.

Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou hoxe ao recinto feiral, preparouse un amplo programa de actividades para estes días, deseñadas especialmente para que os nenos consigan identificarse co mundo da natureza dunha forma didáctica e entretida. Así, haberá, por exemplo, obradoiros de debuxo, obradoiros de material reciclado e xogos didácticos sobre os parques naturais, espazos protexidos e biodiversidade.

De feito, Ángeles Vázquez acompañou ao alumnado de primaria do CEIP Xaquín Loriga de Prado (Lalín) que asistiu a un obradoiro de aves migradoras no que se abordou, entre outras cuestións, a orixe, evolución e características destas especies máis representativas de Galicia así como as boas prácticas para o seu estudo e conservación.

A maiores, a conselleira tamén subliñou o papel da caza e da pesca para garantir o equilibrio no territorio e puxo en valor o incremento do número de mulleres que amosan interese por participar nesta actividade. De feito, o 15 % dos aprobados nos exames celebrados recentemente para obter a licencia de caza foron mulleres.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2023