O 99% dos concellos galegos terán acceso a servizos financeiros

A Xunta abriu en febreiro unha nova fase de adhesión ao protocolo de colaboración asinado entre o Goberno galego e a Fegamp, destinado a aqueles concellos que non contaban con servizos bancarios

Castrelo do Val, Punxín, Toén, Beade e Ribas de Sil son os concellos que se adheriron nesta segunda rolda

Ourense, 9 de xuño de 2023

O 99 % dos concellos galegos terán acceso a servicios financeiros logo da apertura en febreiro da segunda fase de adhesión ao protocolo de colaboración asinado entre o Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e dirixido a aqueles concellos que na actualidade aínda non contaban con servizos bancarios. Nesta nova rolda, foron cinco os novos concellos que se adheriron: Castrelo do Val, Punxín, Toén, Beade e Ribas de Sil.

O director xeral de Política Financeira e Tesouro, David Cabañó, o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o coordinador institucional de Abanca en Ourense, Mateo Alonso, realizaron esta mañá unha visita ao caixeiro de Castrelo de Val, un dos últimos concellos adheridos a esta iniciativa.

O obxectivo da iniciativa é o de loitar contra a problemática que supoñía o acceso aos servizos bancarios no rural, evitar a exclusión financeira e promover que toda a poboación galega, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso aos servizos financeiros.

Así, esta actuación permite que os veciños teñan caixeiros automáticos nos seus municipios; dispoñan dun servizo de asistencia financeira para solucionar calquera dúbida e poder contratar produtos igual que nunha oficina bancaria convencional; así como a oportunidade de recibir formación financeira e banca electrónica para que poidan utilizar tamén os servizos bancarios a través das novas tecnoloxías.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2023