A Xunta destaca en Vigo a importancia de educar en igualdade e de apostar pola diversidade na ciencia e na investigación para reter o talento galego

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na VIII Xornada Universitaria Galega en Xénero

Puxo en valor a nova Lei de igualdade que regulará a sustentabilidade social empresarial para acadar o benestar laboral, un concepto que se converterá nun dos eixos das políticas autonómicas para traballar pola igualdade de mulleres e homes

O III Programa da Xunta Muller e Ciencia 2022-2025 está a executarse co obxectivo de incorporar 600 mulleres ao eido investigador e outras 30 a postos de carácter directivo

Vigo, 9 de xuño de 2023 A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe na súa intervención na VIII Xornada Universitaria Galega en Xénero, celebrada en Vigo, a importancia de desenvolver políticas que aposten por unha educación en igualdade desde idades temperás e por unha docencia universitaria con perspectiva de xénero para eliminar a fenda de xénero que persiste no mercado laboral.

López Abella sinalou que desde a Xunta avógase pola promoción das vocacións STEM (a ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e matemáticas) para fomentar e consolidar a incorporación profesional das mulleres nestes ámbitos apostando pola diversidade para reter o talento galego.  

Neste senso, puxo en valor a Unidade Muller e Ciencia, o órgano onde se aprobou o pasado ano o III Programa Muller e Ciencia 2022-2025 que está a executar o Goberno galego e que, cunha dotación de 45 millóns de euros, ten como obxectivo incorporar 600 mulleres ao eido investigador e outras 30 a postos de carácter directivo.

A representante autonómica, ademais, sinalou que a nova Lei galega de Igualdade, que xa se atopa en tramitación parlamentaria, regulará a sustentabilidade social empresarial para acadar o benestar laboral, que será un dos eixos das políticas autonómicas para a igualdade laboral de mulleres e homes, avogando pola corresponsabilidade, o teletraballo e a racionalización e flexibilización horaria nas empresas. A nova normativa reforza tamén o compromiso autonómico para a eliminación da discriminación á muller e dos ataques sexistas nos medios tecnolóxicos e recoñecerá a discriminación múltiple e interseccional.

A titular de Igualdade, así mesmo, destacou as características principais do II Plan de Benestar Laboral, Conciliación e Corresponsabilidade de Galicia, que aprobou o Consello da Xunta o pasado mes de abril. É un documento que servirá de marco programático para as políticas autonómicas que se desenvolvan ata 2025, co foco posto no fortalecemento dos recursos de apoio ás familias e na dignificación dos traballos de coidado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2023