A Xunta declara de utilidade pública a parcelaria de Friolfe no concello lugués do Páramo que reorganizará 933 hectáreas

O DOG publica hoxe o correspondente decreto da Consellería do Medio Rural, para un proceso que beneficiará 211 veciños, propietarios dun total de 1.618 parcelas

O texto publícase en aplicación da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción

As parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2023 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se declara de utilidade pública a reestruturación parcelaria da zona de Friolfe, no concello lugués do Páramo. Desta forma, reorganizarase unha superficie de 933 hectáreas repartidas en 1.618 parcelas propiedade de 211 veciños.

Este decreto publícase en aplicación da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. De feito, o municipio do Páramo sitúase na comarca de Sarria, que destaca pola importancia do seu sector primario cunha relevante implantación de explotacións gandeiras.

Ademais, o texto que publica hoxe o DOG declara a área de reestruturación como zona de actuación agraria prioritaria. Establece tamén que, conforme á Metaga, a partir de mañá -data da entrada en vigor do decreto- a reestruturación parcelaria será obrigatoria para todas as persoas propietarias e titulares de dereitos e situacións xurídicas sobre terreos comprendidos dentro do perímetro de concentración, así como para os operadores públicos e privados de redes de subministración, infraestruturas e aproveitamentos.

Parcelarias en Galicia

Entre os anos 2021 e o que levamos de 2023, decretáronse -con esta de Friolfe- 29 novas concentracións parcelarias en Galicia, que abarcan case 24.000 hectáreas e máis de 111.500 parcelas de máis de 16.300 titulares. Cabe sinalar que, con estes decretos, a Xunta cumpre o seu compromiso de decretar unha nova concentración parcelaria por cada proceso finalizado. Deste xeito, conséguese loitar contra o abandono das terras, anticiparse aos incendios forestais e fixar poboación no medio rural que permita facer rendible a actividade produtiva co aumento da base territorial das explotacións.

As concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. Por iso, a Xunta seguirá impulsando estes procesos da man da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que veu complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Metaga.

Data de actualización: 09/06/2023