Últimas prazas dispoñibles para a xornada sobre os retos da Ciberseguridade en Galicia, que organiza o Nodo CIBER.gal o vindeiro 13 de xuño en Ourense

Os interesados en participar poden inscribirse de balde, en modalidade online ou presencial, a través do portal cibereguridadegalicia.gal

O obxectivo do encontro é fomentar a creación de talento especializado, trasladar as oportunidades reais que supón especializarse neste eido e dar a coñecer de primeira man o día a día dun profesional dedicado á materia

O Nodo, promovido pola Xunta a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa de colaboración que une ao sector público e privado para favorecer unha contorna dixital segura en Galicia

O III Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal celebrarase os días 2 e 3 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia e traerá consigo novas actividades singulares para chegar a todos os públicos

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2023 Os interesados en participar na xornada “Ciberseguridade en Galicia: perspectiva e visión de futuro”  o vindeiro día 13 en Ourense teñen aínda oportunidade de inscribirse de balde a través desta ligazón. O encontro está organizado polo Nodo CIBER.gal en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo, no campus de Ourense, na que se celebrará o evento.

O obxectivo da xornada é achegar aos asistentes o forte atractivo deste sector para fomentar a creación de talento especializado, trasladarlle as oportunidades reais que supón especializarse neste eido e que poidan coñecer de primeira man o día a día dun profesional dedicado á materia. Nesta xornada colaborarán entidades e persoas referentes neste ámbito como son o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e Román Ramírez, coñecido experto en ciberseguridade e fundador da RootedCon, entre outros.

Totalmente de balde, as persoas interesadas poderán inscribirse en modalidade online ou presencial en todas as actividades do programa. Entre elas, destacan unha mesa redonda na que se abordará a actualidade e o futuro da profesión do CISO, que é a figura responsable da xestión da seguridade e protección da información que manexa unha organización para mantela a salvagarda e previr ciberataques ou roubo de datos. Moderada polo Presidente do CPEIG, participarán expoñendo a realidade e actualidade desta profesión importantes CISOS do tecido empresarial galego e expertos nacionais na materia. Contarase tamén cun relatorio que abordará a evolución e futuro do Nodo Galego de Ciberseguridade, e con obradoiros prácticos simultáneos, de xeito unicamente presencial, para espertar o interese pola ciberseguridade. Todas estas actividades serán celebradas en horario de mañá o martes 13 de xuño.  

Nodo CIBER.gal

O CIBER.gal é un proxecto de colaboración que une ao sector público e privado para favorecer unha contorna dixital segura en Galicia e afrontar os retos aos que se deben enfrontar empresas, cidadanía e administracións públicas para protexer os seus activos no ciberespazo.

O Nodo CIBER.gal tamén anuncia a data de celebración do xa terceiro Encontro CIBER.gal os días 2 e 3 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia, agardando un éxito similar ao de anteriores edicións nas que se superou a participación de máis de 4.000 escolares en concursos de ciberseguridade e xerou preto de 2.000 inscricións.

Data de actualización: 09/06/2023