O Goberno galego abre o proceso de captación de investimentos privados para a sociedade mixta que se creará ao abeiro da Lei de recursos naturais

Rueda indica que as empresas interesadas poderán presentar as súas propostas desde o vindeiro luns e ata o 30 de xuño

Subliña que á hora de seleccionar aos socios desta entidade, a Xunta terá en conta “o arraigo con Galicia” das empresas e que a súa fonte principal de ingresos “non sexan as actividades enerxéticas”

Trátase dunha iniciativa pioneira en España que contempla a futura Lei para garantir que os beneficios do aproveitamento dos recursos naturais de Galicia reverten na comunidade
 

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2023

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego iniciará a vindeira semana o proceso de captación de investimentos privados para a creación da sociedade mixta que investirá en proxectos que aproveiten os recursos naturais de Galicia. Esta entidade público-privada xorde ao abeiro da Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais que acaba de rematar a fase de exposición pública.

O principal obxectivo desta normativa é que os beneficios socioeconómicos do aproveitamento de recursos naturais -como os que fan uso intensivo da auga, as iniciativas mineiras ou as enerxías renovables- revertan en Galicia. Para iso, o documento prevé a creación dunha sociedade público-privada -na cal se blindará a posición de control da Xunta de Galicia- que poderá ser titular de proxectos de aproveitamentos dos recursos.

Tal e como explicou Rueda, o Consello autorizou hoxe lanzar “unha manifestación de interese para convidar aos investimentos privados” interesados nesta iniciativa a que amosen “a súa vontade de implicarse”. Desde o vindeiro luns día 12 e ata o 30 de xuño as empresas interesadas en participar nesta sociedade poderán presentar as súas propostas na web corporativa da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Entre os criterios que van ser priorizados á hora de seleccionar as empresas que conformen a sociedade mixta, o presidente subliñou “o arraigo en Galicia”, é dicir, terán prioridade as industrias “que teñan aquí o centro de decisións e xeren riqueza na nosa terra”. Ademais, outro requisito imprescindible será que “a súa fonte principal de ingresos non sexan as actividades enerxéticas”, indicou Rueda.

As entidades que queiran formar parte desta iniciativa deberán “estar en sintonía coa filosofía” do anteproxecto de lei de recursos naturais e ademais, segundo resaltou Rueda, terase en conta tamén “a contía da achega económica” que propoñen aínda que non vai existir unha contía mínima.

O presidente asegurou que as entidades locais tamén poderán participar nesta sociedade mixta e que a Xunta realizará unha función de control para “evitar que prosperen proxectos que non redunden no interese de Galicia ou dunha zona concreta”.

Unha iniciativa pioneira en España

A sociedade mixta que se vai crear no marco da Lei de recursos naturais é unha iniciativa pioneira en España, a través da que Galicia poderá poñer os recursos naturais da comunidade ao servizo dos intereses comúns. Porque o principal obxectivo da futura normativa é facer de Galicia un referente no aproveitamento de recursos naturais desde o punto de vista da sustentabilidade -velando porque se lle asignen usos óptimos e con vocación de perdurar no tempo, xa que os recursos son finitos- e do retorno social ao impulsar que os beneficios obtidos dos recursos naturais revertan na propia Comunidade.

A futura normativa

A lei consta dun título preliminar e sete títulos. No preliminar acóutase o obxecto da norma e defínese o que se entende por beneficios sociais e económicos. Xa no primeiro título se regulan os proxectos a que se refire o texto legal e incorpora unha das principais novidades desta normativa: unha análise integral de todos os efectos que produce a iniciativa en cuestión e as medidas que propón a promotora para compensalos.

No segundo título abórdase a creación da sociedade mixta e no terceiro, o desenvolvemento futuro da enerxía eólica mariña e a creación dun canon para gravar as liñas eléctricas que conectarán os parques eólicos offshore coas subestacións correspondentes. O que se recade irá a labores de conservación do ambiente así como a darlle unha contraprestación ao sector pesqueiro.

O título cuarto inclúe a creación dun fondo da Xunta para a recuperación de territorios afectados por incendios e que vai contar con achegas das empresas, o quinto desenvolve normativamente proxectos de autoconsumo das áreas empresariais para dar estabilidade ao prezo da enerxía, o sexto regula a creación dun sistema voluntario de créditos de carbono e, por último, o sétimo título aborda a xestión de biorresiduos e materia orgánica cun alto potencial para converterse en biometano.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2023