A Xunta aproba o proxecto construtivo do eixe de mobilidade sostible entre Mollabao e Os Praceres, en Pontevedra, que prevé un investimento de case 6,7 M€

Esta actuación central na estrada PO-546 consiste na execución dun itinerario de 3,5 km de lonxitude, co obxectivo de transformar a estrada nunha rúa e mellorar a súa funcionalidade, facilitando o tránsito de peóns, ciclistas e transporte público

O trazado da senda irá separado da estrada na travesía da Gandarela, por mor da falla de espazo entre as construcións existentes

Construirase unha glorieta na intersección de acceso ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán para reducir a velocidade dos vehículos e mellorar a seguridade no acceso a este centro

A previsión é licitar as obras nas vindeiras semanas e, en paralelo, seguir avanzando na tramitación das autorizacións sectoriais e dos actos expropiatorios necesarios para executar os traballos, que contan cun prazo de execución de 18 meses
 

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2023

A Xunta vén de aprobar o proxecto  construtivo do eixe de mobilidade sostible entre Mollabao e Os Praceres, no termo municipal de Pontevedra, a través da estrada vella de Marín, que prevé un investimento de case 6,7 millóns de euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé licitar nas vindeiras semanas as obras e, en paralelo, continuará tramitando as autorizacións sectoriais de Costas do Estado e do ADIF, así como a expropiación dos terreos necesarios para a execución das obras. Os traballos contan cun prazo de execución de 18 meses.

Esta intervención, a obra central das programadas na estrada PO-546 entre Pontevedra e Marín, ten como obxectivo transformar a estrada e mellorar a súa funcionalidade, orientándoa ao tránsito de peóns, ciclistas e transporte público. Esta actuación é susceptible de contar co financiamento dos fondos europeos FEDER 21/27.

As actuacións neste treito da vía autonómica consisten na execución dun itinerario pola marxe dereita da PO-546, de 3,5 quilómetros de lonxitude e cun ancho que oscilará entre os 2,9 e os 4 metros, entre os puntos quilométricos 0+590 e 4+090.

Neste treito que comunica Mollabao e Os Praceres prevese a separación con respecto á estrada do trazado da senda na travesía da Gandarela, debido á falla de espazo entre as construcións existentes.

Construirase unha glorieta á altura da intersección de acceso ao Centro de Investigacións Forestais de Lourizán coa PO-546, coa finalidade de reducir a velocidade dos vehículos que acceden á travesía da Gandarela procedentes de Marín e mellorar a seguridade no acceso a este centro.

Esta glorieta tamén facilitará o cambio de sentido dos vehículos procedentes de Marín que queiran acceder ao futuro aparcadoiro disuasorio tipo carpooling que a Xunta ten previsto executar na contorna do punto quilométrico 2+800 desta estrada PO-546 e ao que se destinará un investimento de 500.000 euros.

Ademais melloraranse as paradas de transporte público, favorecendo a mobilidade en autobús entre Marín e Pontevedra, e renovarase a iluminación no treito de actuación.

No proxecto aprobado recóllense tamén distintas estruturas que redundan na mobilidade sostible, como a execución de dúas pasarelas a distinto nivel da senda peonil, unha de máis de 120 metros sobre o rego de Louriñas, e a outra de 45 metros sobre O Sartán.

Tamén se executarán muros de sostemento, necesarios pola proximidade da vía do ferrocarril nalgunhas zonas, prolongando os xa existentes para poder lograr un ancho de senda adecuado e obter zonas amplas nas que se prevé a instalación dun parque infantil.

A intervención complétase coa dotación de zonas de esparexemento, destacando a habilitación dun miradoiro, no punto 1+050, aproveitando o espazo inutilizable na marxe dereita da calzada, cun pequeno parque infantil e zona verde que permita gozar das vistas da ría de Pontevedra.

Tras a análise das achegas recibidas, o departamento de Infraestruturas da Xunta realizou axustes que permiten mellorar a actuación e reducir a afección, que se recollen no proxecto construtivo, no que se incluíron pequenas variacións no deseño minimizando a afección nalgunhas fincas a expropiar.

Ademais mellorarase a parada de autobús situada no punto quilométrico 1+460, na marxe dereita da estrada, cunha zona de estacionamento para o autobús e un novo refuxio.

A solicitude dos veciños do Sartán, incorpórase na actuación unha nova zona de aparcadoiro en liña entre os puntos quilométricos 3+300 e 3+350, coa reserva dunha praza para unha persoa con mobilidade reducida.

No proxecto inclúese tamén a renovación da rede de augas fecais entre os puntos quilométricos 3+800 e 4, mellorando deste xeito a drenaxe das augas pluviais.

Esta intervención forma parte do conxunto de actuacións planificadas para fomentar a mobilidade sostible na estrada PO-546 con diferentes intervencións tamén en Estribela e no concello de Marín.

Data de actualización: 08/06/2023