O conselleiro do Medio Rural participou nunha mesa redonda con produtores de leite franceses

A Xunta pon en valor o sector lácteo galego e aposta polo aumento da base territorial e por prezos estables para garantir a súa continuidade

José González salientou que Galicia é unha potencia láctea no conxunto español e unha referencia no ámbito europeo

Insistiu na necesidade de afrontar situacións como a seca, que están a supoñer un importante incremento dos custos de produción, co gallo de apostar polo futuro deste eido e pola necesaria remuda xeracional

Teo (A Coruña), 6 de xuño de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participou hoxe nunha mesa redonda con representantes da Federación Nacional de Produtores de Leite de Francia, que se atopan en Galicia para afondar no seu coñecemento do sector leiteiro da nosa comunidade. Así mesmo, os representantes desta federación gala -que proceden sobre todo da Bretaña, da rexión de París e de Ródano-Alpes- celebraron aquí o seu consello de administración anual.

Na mesa redonda, o conselleiro salientou a importancia do sector lácteo en Galicia, que ademais se consolidou nos últimos anos como principal potencia en España e como un referente a nivel europeo. Nesta liña, o titular do Medio Rural destacou que a nosa comunidade vive dende 2015 un crecemento na produción de leite que supera a media española e puxo en valor que o modelo galego céntrase na procura da rendibilidade das explotacións, fomentando granxas máis sostibles e competitivas.

Nese senso, José González apostou tamén polas concentracións parcelarias ou por ferramentas como as recollidas na Lei de recuperación para aumentar a base territorial das explotacións e garantir o seu futuro. Nese senso, ligouno á necesidade de afrontar situacións como a seca, que están a supoñer un importante incremento dos custos de produción, poñendo como exemplo insumos como a palla, que triplicou o seu prezo. Así, esa base territorial pode incidir -dixo- na aposta pola plantación de forraxes para camiñar cara á autosuficiencia.

Todo co gallo de potenciar a necesaria remuda xeracional neste eido, para continuar consolidándoo dentro e fóra de España. Dese xeito, considerou tamén imprescindible asegurar a estabilidade dos prezos que as industrias lles pagan aos produtores, tomando como base ferramentas como a aplicación de cálculo de custos Contaláctea -impulsada no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego- para reforzar a posición negociadora dos gandeiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2023