Galicia Calidade promociona os produtos galegos nunha xornada dirixida a profesionais no País Vasco

Un total de 17 empresas con produtos certificados polo selo de garantía presentaron a súa oferta no auditorio Kursaal de San Sebastián ante máis de 70 profesionais e celebraron máis de 100 reunións comerciais

San Sebastian (Guipúscoa), 6 de xuño de 2023

Galicia Calidade, organismo dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, organizou unha xornada de promoción no auditorio Kursaal, San Sebastián, para crear e afianzar relacións comerciais co ecosistema empresarial do País Vasco. Durante o evento, un total de 17 empresas de sectores da alimentación, xoiería, construción, turismo, bebidas e viveiros protagonizaron unha exposición na que celebraron un total de 105 reunións comerciais cos máis de 70 asistentes que querían coñecer os seus produtos e servizos.

A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, que participou na xornada, sinalou que se trata “dunha oportunidade para profundar no coñecemento dos produtos galegos e difundir a súa calidade máis aló de Galicia, sobre todo, entre un público profesional que, con moitos criterios de valoración, selecciona a materia prima que decide ofrecerlle ao consumidor final”.

As empresas participantes nas reunións comerciais foron Altos de Torona, Regina Viarum, Aguas de Mondariz, Ovo da Avoa, Estelas da Terra, Isabel Suárez, Jamones González, Mariscos Alumar, Paco&Lola, Señorío de Rubiós, Tejas Verea, Terras da Mariña, Terriña Adegas, Vía Romana, Torre de Núñez, Valtea e Vinos Ruchel.

A xornada comezou cun curso de especialización en viños galegos que deu a coñecer as súas potencialidades ante 26 sumilleres dos principais restaurantes da cidade e tendas gourmet especializadas na venda de viños. A cata, comentada por Jorge Vila da Galicia Wine Academy, permitiu descubrir os viños de ata 13 adegas, procedentes das cinco Denominacións de Orixe de Galicia: Espumoso Condado Blanco Brut Nature, de Señorío de Rubiós; Caíño, de Bodegas Altos de Torona; Finca Garabato, de Bodegas Vilarvin; Heritage, de Paco&Lola; Espadeiro, de Adegas Terra de Asorei; Toubes e Tostado de Costeira, de Viña Costeira; Alberte Tinto, de Bodegas Naiora; Godello, de Adegas Regina Viarum; Do Camiño Mencía Barrica, de Vía Romana; Baladal, de Bodegas Ruchel; Mil Ríos Garnacha Barrica, de Terriña; Godello de Quinta do Buble e Mencía Araúxa de Gargalo.

Como remate, os asistentes degustaron un cóctel Galicia Calidade elaborado polo chef Manuel Costiña do restaurante Retiro da Costiña, no que mostrou o mellor do produto galego a través dun showcooking composto por 12 petiscos elaborados a partir dos produtos de Cabo de Peñas, Ovo da Avoa, Estrella Galicia, Galifresh, Gallega de Patatas, Jamones González, La Central Heladera, Mariscos Alumar, Aguas de Mondariz, Puerto de Celeiro, Quescrem, Rosa de los Vientos, Terras da Mariña e Torre de Núñez.

Galicia Calidade conta con máis de 150 empresas adheridas, con máis de 780 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2023