A presidenta de Portos de Galicia respondeu a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo

A Xunta de Galicia subliña a complexidade da obra de dragaxe do porto de Laxe e a rigorosidade na súa tramitación polo alto valor ambiental da zona

Susana Lenguas explicou que os prazos de execución das obras están condicionados polos períodos temporais autorizados polo Goberno central e que a día de hoxe só están pendentes os traballos na zona do bordo do peirao e o contradique

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2023 A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, destacou hoxe no Parlamento a complexidade da obra de dragaxe do porto de Laxe, unha actuación “das máis complexas executadas polo ente público”, entre outras cuestións polas particularidades ambientais da contorna. Así o expuxo durante a resposta a unha pregunta sobre este tema na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo.

Alí explicou que o ámbito de actuación desta obra ten catalogación de Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e está dentro da Rede Natura. Isto obriga a analizar de xeito especialmente exhaustivo e minucioso as posibles afectacións e a aplicar medidas especialmente rigorosas na súa execución”, detallou.

Entre estas medidas destacou a obriga de limitar os períodos de execución de obra a ventás temporais concretas relacionadas coa preservación dos valores ambientais. Estas ventás son autorizadas polo Goberno central a Portos de Galicia e aparecen recollidas na Declaración de Impacto Ambiental da obra.

Este condicionante, subliñou Susana Lenguas, resultou decisivo na consecución dos prazos marcados para a execución das obras e informou de que na actualidade só están pendentes os traballos na zona do bordo do peirao e do contradique.

En canto ao cumprimento das obrigas técnicas, a presidenta de Portos de Galicia afirmou que todas as zonas finalizadas cumpren coas especificacións técnicas do proxecto. Ademais explicou que se realizou un depósito provisional de material dragado nunha zona interior do porto e dentro do ámbito da obra con informe previo favorable do Goberno central, que será retirado na próxima campaña deste ano.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 06/06/2023