A Xunta convoca seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde, dotada con máis de 108.700 euros, que inclúe estancias na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE en Santiago de Compostela ou en unidades da AECID en países prioritarios da Cooperación Galega

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de seis bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento que se levarán a cabo nun máximo de 12 meses entre outubro de 2023 e setembro de 2024 na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE en Santiago de Compostela ou en unidades de cooperación no exterior da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) en países prioritarios da Cooperación Galega.

O importe total que se habilita para esta convocatoria ascende a 108.782 euros que se destinarán ao pagamento ás persoas bolseiras da contía das bolsas e das cotas patronais da Seguridade Social.

As persoas solicitantes deben ter residencia en Galicia e estar en posesión dun título universitario oficial de grao, licenciatura, diplomatura, arquitectura, enxeñaría ou similar. Ademais, entre os requisitos para optar a unha destas bolsas inclúese non ter emprego remunerado nin gozar doutra axuda deste tipo e tampouco desta en convocatorias anteriores.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario na sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal/) no prazo dun mes desde mañá.

A comisión de valoración avaliará os méritos acreditados e elaborará unha listaxe provisional ordenada polas puntuacións outorgadas e, despois de resolverse as reclamacións, unha listaxe definitiva coa puntuación obtida nesta primeira fase do proceso. A segunda fase do proceso de selección consistirá nunha entrevista na Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Rematadas as dúas fases sumaranse as puntuacións obtidas para calcular a puntuación total de cada un dos aspirantes e se ordenarán nun listado en orde decrecente.  

Estas bolsas de formación da Cooperación Galega teñen como obxectivo principal apoiar a formación especializada de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento, coa finalidade de complementar a formación académica coas liñas de traballo da Cooperación Galega e, no caso das bolsas noutros países, cos proxectos que se están a financiar e que poderán visitar na súa estadía en terreo.

As actividades destinadas á formación de persoal especializado constitúen unha tarefa que a Xunta leva a cabo no marco do fortalecemento do sistema galego de cooperación, sendo o apoio á formación e capacitación especializada dos actores e axentes galegos de cooperación unha das liñas de actuación do actual Plan Director da Cooperación Galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/06/2023