A Xunta actualiza as condicións e axiliza os trámites administrativos para a prestación de varios servizos portuarios

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta regulación que ten como principal novidade a habilitación de procedementos específicos para a súa tramitación na sede electrónica da Xunta e que busca facilitar as xestións ás entidades prestatarias

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2023

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, actualiza os pregos de condicións reguladoras e axiliza os trámites para a prestación de varios servizos portuarios. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova resolución que rexerá estas actividades e que inclúe entre as principais novidades a habilitación de procedementos específicos para a tramitación de cada unha delas na sede electrónica da Xunta por parte das entidades prestatarias.

Deste xeito, coa renovación desta normativa que entrará en vigor a partir de mañá, búscase simplificar e axilizar a súa tramitación e así facilitar as xestións aos particulares e mellorar a calidade do servizo ofrecido.

As actividades portuarias que abarca esta actualización son a de carga, descarga e transbordo de mercadorías, pasaxe, consignación de buques para actividades comerciais, industriais ou doutra natureza, subministración de combustible mediante medios móbiles terrestres e posta a disposición de medios mecánicos.

Así, o texto da resolución recolle o conxunto das condicións actualizadas para a prestación de cada servizo, detalla os códigos dos procedementos para solicitar na sede electrónica da Xunta de Galicia autorización para a súa prestación e tamén especifica aspectos relacionados sobre como realizar a solicitude. Neste sentido, a partir de mañá estarán dispoñibles todos os procedementos na sede electrónica da Xunta de Galicia para a súa tramitación en liña.

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 05/06/2023