A Xunta participa na inauguración de Vinis terrae para poñer en valor o sector vitivinícola galego

É a X edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade na que participan 12 empresas galegas que foron gañadoras de distincións nas Catas de Galicia 2022, no marco do espazo da Consellería do Medio Rural

O conselleiro José González salientou a importancia deste sector que permite que a nosa comunidade poida “facer territorio a través do viño”

Participou tamén na presentación da Plataforma Tecnolóxica do Viño, na que está implicada a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e que busca impulsar e establecer unha estratexia común de I+D+i para este sector
 

San Cibrao das Viñas (Ourense), 5 de xuño de 202

3 O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe na inauguración de Vinis Terrae. Trátase da X edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade, que arrancou hoxe en Expourense, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas. O evento conta coa presenza de 12 empresas galegas que foron gañadoras de distincións nas Catas de Galicia 2022, dentro do espazo reservado para a Consellería do Medio Rural. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria tamén organiza catas comentadas e un túnel do viño, augardentes e licores tradicionais de Galicia.

Durante a súa intervención, o conselleiro salientou a importancia do sector vitivinícola galego, que permite que a nosa comunidade poida “facer territorio a través do viño”. Seguindo esta liña, referiuse ás ferramentas que contribúen a que o rural galego sexa clave para o desenvolvemento de Galicia.

Neste sentido, destacou figuras recollidas na Lei de recuperación da terra agraria como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais, que mobilizaron arredor de 35.000 hectáreas xunto coas concentracións parcelarias desde 2020, moitas delas destinadas expresamente ao cultivo da vide. Así, a mobilización de terra estase a constituír como un mecanismo alternativo de investimento, especialmente para este sector.

Seguindo esta liña, o conselleiro mencionou tamén a futura Lei da calidade alimentaria, que consolidará as certificacións de calidade, aportando máis control e mellores garantías, favorecendo a continuidade digna do sector e posicionando a Galicia como referente de produción de calidade. Ademais, Galicia conta coa Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que ten como obxectivo consolidar a comunidade como destino enoturístico e referente vitivinícola dentro e fóra de España.

Plataforma tecnolóxica do viño

No evento, o conselleiro do Medio Rural participou tamén na presentación da Plataforma Tecnolóxica do Viño, un proxecto que naceu no ano 2010 co obxectivo de impulsar e establecer unha estratexia común de I+D+i para o sector do viño en España. Así, a plataforma permite integrar a todos os axentes que conforman este eido, incluíndo as bodegas, as empresas da industria auxiliar vitivinícola, os grupos de investigación, os centros tecnolóxicos, as asociacións empresariais e outras institucións públicas e privadas, co fin de estruturar o sector e poder investir en innovación dun xeito optimizado.

No referido a esta plataforma, estase levando a cabo a Rede Observatorio de Variedades e Variedades Adaptadas ao Cambio Climático, na que participa a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, a través da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia.

Nesta rede trátase de conformar 10 parcelas experimentais a partir das cales poder levar a cabo estudos e análises comparativos de diferentes parámetros co obxectivo de ver a resposta e resistencia de 25 variedades fronte a diferentes condicións climatolóxicas

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2023