Os clientes esgotan en menos de tres semanas o orzamento do Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia mobilizando preto de 12,5 M€ en vendas

Na terceira edición do programa, ao que a Administración autonómica destinou 2,5 millóns de euros, participaron máis de 7000 establecementos de toda Galicia

Como novidade desta edición, non se limitou o número de usuarios que podían beneficiarse dos descontos, senón que unha vez que o importe dos descontos realizados alcanzou os 2,5M€ os bonos descargados xa non se poderán utilizar

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2023 O orzamento do Bono Activa Comercio, ao que a Xunta de Galicia destinou 2,5 millóns de euros, esgotouse en menos de tres semanas, contribuíndo a mobilizar preto de 12,5 millóns de euros en vendas nos máis de 7.000 establecementos de toda Galicia que se adheriron á iniciativa.

Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitou o número de usuarios que podían descargarse os bonos —un por persoa—, senón que unha vez que o importe total dos descontos realizados alcanzou os 2,5 millóns de euros os bonos descargados xa non se poderán utilizar.

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, puxo en marcha esta iniciativa co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela aos establecementos de proximidade, ao tempo que se contribúe a reducir o impacto da inflación das familias.

Os bonos, en formato QR, podían utilizarse a través dunha aplicación móbil. O importe reducíase en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros correspondíalle un desconto de 5 euros. A rebaixa era de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzaba os 15 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2023