A Xunta amosa o potencial da economía social no Salón da alimentación de Silleda da man da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

Once entidades mostrarán os seus servizos e produtos no expositor da Economía Social instalado polo departamento autonómico no recinto feiral de Silleda

Neste espazo daranse a coñecer novas aplicacións dixitais nacidas de firmas de economía social e poderanse degustar xeados, viños, queixos ou produtos da horta

A Xunta destina este ano máis de 42 millóns de euros a apoiar esta fórmula de emprendemento e desenvolvemento económico

A Administración autonómica traballa na II Estratexia galega da Economía Social 2023-2026, coa que se estima crear 3.500 novos postos e constituír 400 novas entidades dentro da economía social
 

Silleda (Pontevedra), 4 de xuño de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade estará presente un ano máis no Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat, que se celebrará en Silleda (Pontevedra) do 8 ao 11 de xuño. O departamento autonómico contará cun espazo propio para poñer en valor os beneficios da economía social como modelo que avoga pola diversificación, a proximidade e o benestar. 

A montaxe da Xunta de Galicia contará coa presenza de 11 empresas que representan á economía social, pertencentes aos sectores de produtos lácteos e derivados (Bico de Xeado, Poductores del Campo de Capela e Queixería Gaia); hortofrutícola (Postoiro e Terras da Mariña); cárnico (Cogal e Tres Fuciños); vitivinícola e outras bebidas (Andaina Pro Saúde Mental e Bodega Cooperativa Jesús Nazareno); e doutros produtos (Galicloud e Primicias Raíña).

A Administración autonómica brinda a estas firmas a oportunidade de dar coñecer os seus servizos e ofrecer degustacións dos seus produtos autóctonos como queixos, allos, cabazos e cebolas, fabas, carnes, viños, xamóns, zumes ou xeados. As entidades, ademais, poden aproveitar a súa presenza para reforzar as súas relacións comerciais nun escaparate que dá cabida á gran distribución e a empresas de menor tamaño que ofrecen produtos de calidade, artesáns, gourmet, ecolóxicos e innovadores.

Coa súa presenza, Galicia quere referendar o seu compromiso coa economía social, un modelo relevante para o fomento do consumo de proximidade. En 2023 a Xunta está a apoiar esta fórmula de emprendemento con máis de 42 millóns de euros, artellados en tres grandes eixos: difusión da economía social, creación e consolidación de iniciativas de economía social, e promoción do emprego inclusivo.

O Goberno galego está a traballar, por outra banda, no deseño da II Estratexia galega da Economía Social 2023-2026, coa que se estima crear 3.500 novos postos de traballo baixo o paraugas desta modalidade de negocio e constituír 400 novas entidades.

O documento, que se desenvolverá de xeito transversal en colaboración cos distintos departamentos autonómicos, aspira a mellorar as competencias das persoas e as capacidades das entidades dentro da economía social, para enfrontar os retos do novo contexto socioeconómico e para consolidar o seu crecemento continuo en Galicia. 

A nova estratexia apoiará o posicionamento deste modelo nos sectores tecnolóxico e dixital, verde, industrial e sustentable. Seguir a impulsar a presenza feminina na economía social e facer que este modelo resulte atractivo á mocidade son dous dos puntos de partida do documento co que tamén se quere seguir a reducir o tempo de constitución das entidades a polo menos 37 días de media e profesionalizar o traballo do sector.

Este modelo económico vén demostrando un gran dinamismo nos últimos anos en Galicia, comunidade pioneira á hora de lexislar sobre a materia. Máis de 7.000 entidades e empresas seguen esta fórmula na comunidade, o que representa cerca do 7% do PIB.

Data de actualización: 04/06/2023