A Xunta colabora nunha xornada de limpeza dos fondos mariños da illa de Sálvora

Esta actuación realízase ao abeiro das subvencións da área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2023 A Xunta colabora hoxe nas tarefas de limpeza dos fondos mariños da illa de Sálvora que levan a cabo mergulladores da entidade náutica Medusa, ao abeiro da subvención concedida no marco da liña de financiamento para actividades na área de influencia socioeconómica do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. 

Esta actuación, unha das más de trinta que leva a cabo este club de mergullo en colaboración co parque, completarase cunha segunda limpeza o vindeiro mes de setembro. 

Cómpre salientar que a limpeza dos fondos mariños é unha actividade moi importante para a conservación do medio ambiente acuático e tamén é unha ferramenta efectiva para a educación ambiental, xa que permite tanto concienciar sobre a problemática da contaminación como promover a participación cidadá na protección dos océanos.

A maiores, a Xunta lembra que, ademais da recollida de lixo, resulta fundamental a correcta clasificación e tratamento dos refugallos recuperados para facilitar a súa posterior reciclaxe.

Data de actualización: 04/06/2023