A Xunta despide unha nova promoción do programa Impulsa que permitiu formar 100 mulleres en liderado para axudalas na súa proxección profesional

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, clausurou hoxe esta inIciativa que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para mellorar a empregabilidade das mulleres galegas e orientalas cara a sectores emerxentes

Pontevedra, 3 de xuño de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na xornada de peche e entrega de diplomas do programa formativo Impulsa promovido pola Xunta de Galicia para fomentar o liderado feminino e a mellora da empregabilidade das traballadoras en sectores emerxentes.

Co evento de hoxe conclúe a formación que se impartiu a 100 mulleres de modo virtual entre o 7 de marzo e o 12 de maio, a través de  obradoiros, masterclasses e sesións de networking e coaching individual para apoiar a mulleres cunha cualificación media “con gañas de crecer, xerar cambios e empoderarse para seguir mellorando profesional e persoalmente”, indicou Mancha.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade desenvolve esta acción para mellorar a empregabilidade das mulleres galegas e orientalas profesionalmente a sectores emerxentes que precisan de persoal cualificado. O programa, neste senso, cumpriu cos 5 obxectivos dos que partía: impulsar o proceso de cambio e crecemento persoal e profesional das participantes; desenvolver competencias e habilidades brandas (liderado, comunicación, intelixencia emocional...); traballar obxectivos en base á filosofía SMART e como desenvolver un plan de acción para crecer profesionalmente; coñecer ferramentas para a xestión da tensión e mellorar o benestar no traballo; e crear unha rede de mulleres para compartir e crear sinerxías.

“Con esta iniciativa, a Administración autonómica involucra ás participantes nun proceso de cambio e aprendizaxe en áreas persoais e profesionais, e lles brinda recursos e ferramentas para o seu crecemento profesional e persoal”, puxo en valor a directora xeral.

No acto de hoxe, as 100 mulleres beneficiarias desta iniciativa, recibiron cadanseus diplomas que acreditan o aproveitamento da formación recibida. Durante 20 horas de aprendizaxe, abordáronse, entre outras temáticas, medidas para o autocoñecemento e liderado, claves para mellorar a comunicación na contorna laboral, a intelixencia emocional, a felicidade no traballo ou para mellorar a xestión do estrés.

Data de actualización: 03/06/2023