A Xunta salienta o seu apoio ao emprendemento colectivo e social na Maker Faire Galicia na que máis de 300 persoas participan cos seus proxectos innovadores

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Economía Social e Traballo Autónomo, Covadonga Toca, e a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, asistiron hoxe ás xornadas de portas abertas da feira

Destacaron a aposta do Goberno galego por un emprendemento baseado na inclusión, na sustentabilidade e na innovación

Puxeron en valor a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, que a Xunta comezou a despregar por toda a xeografía galega no ano 2022, na que se avalían as potencialidades de negocio vinculadas aos territorios
 

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2023

A secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Economía Social e Traballo Autónomo, Covadonga Toca, e a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, destacaron hoxe o apoio autonómico ao emprendemento colectivo e social na novena edición da Maker Faire Galicia, na que desde o pasado día 1 de xuño están a participar máis de 300 makers con seus proxectos e máis de 70 plans empresariais innovadores.

A cita, que apoia a Xunta, remata mañá no Museo do Gaiás no que se están a celebrar máis de 40 obradoiros e 20 charlas, tanto en liña como presenciais, co fin de proporcionar experiencias para toda a comunidade maker.

O emprendemento colectivo baseado na innovación e na aplicación de valores sociais é un dos piares de acción do Goberno galego na área de Emprego, na que se aposta por un emprendemento baseado na inclusión, na sustentabilidade e na innovación.

Así o puxeron de manifesto Toca e Ardao nas súas intervencións, sinalando que, por iso, a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego, posta en marcha pola Xunta o pasado ano, está a ter “un forte impacto”, porque está concibida para avaliar as potencialidades de negocio vinculadas aos territorios nos que se desenvolvan, dando relevancia a aqueles proxectos baseados nos principios da economía social e na innovación social.

As representantes autonómicas salientaron que a economía social é unha fórmula que contribúe á cohesión social e do territorio, e que pon o foco nas persoas e xira en torno á xeración dun emprego inclusivo, igualitario e solidario. Por iso, indicaron que nos polos teñen cabida todo tipo de proxectos empresariais, en calquera das súas fases, e “por suposto” a economía social, un modelo que se nutre, entre outras, das sociedades cooperativas galegas, das sociedades laborais, das empresas de inserción e dos centros especiais de emprego. “Todas elas entidades obxecto de atención da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade”, subliñaron.

A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego naceu en xullo de 2022 e está previsto que a finais deste 2023 conte con 15 polos activos. Aínda que non está despregada na súa totalidade xa atende ao 100 por cento da xeografía galega e ata o de agora prestou apoio a 379 persoas emprendedoras a través de 1.078 sesións de titorización, e tamén atendéronse 355 proxectos, dos cales o 80,28% xa están activos (285).

Ao abeiro desta Rede tamén se levan a cabo actividades de difusión e networking, e tamén de conexión cos sectores tractores no territorio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/06/2023