A Xunta promocionará os produtos galegos de calidade diferenciada no evento solidario Estrelas no Camiño de Santiago

Nesta cita participarán unha trintena de chefs españoles e portugueses que suman un total de 72 Estrelas Michelín

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria acompañará os chefs o próximo luns día 5 de xuño nun percorrido polos postos para coñecer os produtos da nosa terra, podendo degustar máis propostas nunha furgoneta gastronómica

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023

A Xunta participará no evento solidario Estrelas no Camiño de Santiago que terá lugar dende o 4 ao 6 de xuño na localidade coruñesa de Negreira. Esta cita contará coa presenza dunha trintena de chefs Estrela Michelín de España e Portugal. A Axencia Galega da Calidade Alimentaria aportará os diferentes produtos para que os convidados gocen de distintas propostas. 

José Luis Cabarcos, director desta Axencia, recibirá o luns día 5 aos chefs na súa chegada ao evento, ofrecerá unha presentación sobre o traballo do seu departamento e acompañaraos no seu percorrido polos diferentes postos. Os cociñeiros acumulan un total de 72 Estrelas Michelín que fan deste encontro un acontecemento de relevancia a nivel internacional. 

O chef galego José Manuel Mallón elaborará diferentes pratos para que os 400 convidados ao evento poidan degustar nunha furgoneta gastronómica instalada na Finca Casa Barqueiro, na parroquia de Gonte, que un ano máis acolle este evento. A Xunta aportará diferentes produtos de calidade diferenciada para que os participantes gocen dunha experiencia gastronómica. 

Así, algúns dos produtos que poderán degustar os convidados son os queixos con denominación de orixe protexida, os Grelos de Galicia con indicación xeográfica protexida, o Pan de Cea con IXP ou os produtos de indicación xeográfica protexida Ternera Gallega. Ademais a Axencia sorteará entre os asistentes varios lotes de produtos da web “Experiencias de Calidade”.

Así mesmo, haberá visitas guiadas e música en directo. Este ano os beneficios obtidos no evento Estrelas no Camiño de Santiago irán destinados á Asociación Galega Síndrome X Fráxil, que apoia ós afectados por esta patoloxía rara.

Data de actualización: 02/06/2023