A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias interviron na Comisión 7ª

A Xunta confirma o seu compromiso co regadío da Limia e agarda que o Goberno central faga o propio

A directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural abordou as actualizacións impulsadas pola Xunta ao respecto da modernización do regadío da Limia, coa entrega de 40 pozos e o financiamento das infraestruturas de bombeo

Tamén mencionou as novidades sobre o desenvolvemento do polígono agroforestal de Barzamedelle, no concello ourensán de Leiro

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias destacou os apoios impulsados pola Xunta para o sector primario, con axudas como as de transformación e comercialización de produtos agrarios

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023 A Xunta confirma o seu compromiso co regadío da Limia e agarda que o Goberno central faga o propio. Así o afirmou hoxe a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, na súa intervención na Comisión 7ª do Parlamento.

En primeiro lugar, Santé recalcou que os traballos de modernización deste regadío teñen como fin optimizar os recursos hídricos co fin de mellorar a produción das terras agrarias e incrementar a súa rendibilidade. Na súa intervención, a directora xeral salientou que este proxecto se enmarca no Plan de recuperación, transformación e resilencia promovido polo executivo do Estado para facer fronte aos efectos da covid-19 coa axuda dos fondos europeos Next Generation. Neste sentido, sinalou a necesidade de que o Goberno central asuma o seu compromiso en torno a este regadío, xa que o executivo de Madrid comprometérase a asumir o 80% do custo total -IVE incluído- do investimento necesario para afrontar o proxecto de modernización do regadío da Limia.

No que respecta á Xunta, a directora xeral sinalou que os 40 pozos para a captación de augas subterráneas xa foron entregados ás catro comunidades de montes. Agora, estase a tramitar un convenio entre a Consellería do Medio Rural e a Comunidade de Regantes Nova Limia para a instalación dos grupos de bombeo nos pozos de regadío. A modernización do seu regadío supón un importante avance que inflúe no desenvolvemento socioeconómico e, en particular, no potencial do sector agrario da zona, segundo dixo. 

A Xunta financiará ao completo estas actuacións, apuntou, que contan coa instalación da maquinaria necesaria -como grupos de electrobombas ou válvulas de peche de pozos- para levar a cabo esta modernización. Neste sentido, Inés Santé explicou que o último paso para materializar o regadío da Limia é a sinatura do convenio. Cómpre sinalar, tal e como recalcou a directora xeral na súa intervención, que en todo momento se prestou todo tipo de apoio e asesoramento ás comunidades de regantes.  

Para finalizar, destacou o Plan Extraordinario de reparación de camiños desta comarca. Neste proxecto, reparáronse -segundo sinalou- máis de 64 km repartidos en 12 concellos que integran a rede viaria desta comarca.  

No referido ao polígono agroforestal de Barzamedelle, Santé explicou que esta figura se puxo en funcionamento en outubro de 2021, momento no que se levou a cabo o período de actuacións previas para asegurar que o proxecto contaba co apoio e o acordo dos propietarios. O perímetro delimitado para este polígono abrangue unha superficie de 145,6 hectáreas, repartidas en 183 parcelas de 113 titulares.  

A través de xuntanzas e reunións cos propietarios para explicarlles o proxecto, procedeuse á sinatura das declaracións de adhesión para participar. Acto seguido, leváronse a cabo os procedementos habituais para levar a cabo o proxecto, como a aprobación para o seu desenvolvemento, o estudo de viabilidade ou a declaración de utilidade pública. Actualmente, estanse a levar a cabo os traballos de roza e posta a punto.  

Pola súa banda, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, interveu na comisión destacando os apoios impulsados pola Xunta para o sector primario, como os anticipos da PAC, as achegas extraordinarias para os produtores de carne, a liña de crédito de capital circulante para as explotacións de vacún ou as Estratexias sectoriais. Tamén se referiu ás axudas de transformación e comercialización de produtos agrarios, que teñen como obxectivo incidir na modernización e profesionalización do sector primario, permitindo que se poidan levar a cabo investimentos claves para o pulo do agro galego.

Data de actualización: 02/06/2023