A carreira Holi Gaiás reúne mañá na cidade da cultura a 700 persoas cun percorrido cheo de música e cor

A proba, que se celebra nos exteriores do complexo, conta con poeira de cores, quecemento previo dirixido e fin de festa con música

A iniciativa, organizada pola Xunta de Galicia, está patrocinada por Viaqua e conta coa colaboración da Federación Galega de Atletismo, Coca-Cola e Gadis

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023

A Cidade da Cultura acolle mañá sábado a quinta edición da Holi Gaiás con 700 persoas inscritas. A carreira celébrase nos exteriores do complexo cun percorrido de 5 kilómetros nos que a poeira de cores volverá ser a protagonista deste evento lúdico deportivo.

O inicio producirase ás 12,00 horas na Praza central do Gaiás onde se ubica o arco de saída e a liña de meta. Contará coa presenza da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo e a directora de Comunicación de Viaqua, Sonia Delpont. As persoas participantes poderán sumarse a un quecemento previo dirixido ao ritmo da música. Tamén continuará a festa con monitores de Zumba finalizado o percorrido.

Organizada pola Xunta de Galicia, a Holi Gaiás conta co patrocinio de Viaqua e a colaboración da Federación Galega de Atletismo, Gadis e Coca Cola.

Trátase dunha carreira sen espírito competitivo, artellada co ánimo de que os participantes de todas as idades e condicións o pasen ben. Aínda así, tamén haberá premios para as mellores clasificacións das distintas categorías, adulta e infantil. O acto de entrega terá lugar ao finalizar a proba.

Información práctica

Aínda que se recomenda recoller os dorsais na tarde do venres na Cidade da Cultura, tamén estarán a disposición das persoas inscritas o propio sábado pola mañá, de 9,30 a 11,00 horas, no Museo Centro Gaiás (Sala REGA-1).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2023