As mulleres sometidas a explotación sexual xa poden acceder ás axudas mensuais de ata 800 euros que A Xunta ofrece a todas as vítimas da violencia de xénero

O Diario Oficial de Galicia difunde hoxe a modificación da convocatoria da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que mantén o seu prazo aberto todo o ano

A Xunta destina a un total de 5,6 millones de euros, ampliables en función das necesidades, para atender estes pagamentos en 2023 e 2024

Galicia segue a ser referente por contar cun apoio periódico para estas mulleres

As achegas van dos 200 aos 800 euros mensuais por un máximo dun ano, con atención aos ingresos, menores ao cargo e condicións de discapacidade

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2023

As mulleres afectadas en Galicia por situacións de explotación sexual, na súa condición de vítimas de violencia de xénero, xa poden acceder ás axudas mensuais de ata 800 euros que a Xunta de Galicia lles concede para que poidan avanzar na súa independencia económica e recuperación.

O Diario Oficial de Galicia faise eco hoxe da actualización da convocatoria destas axudas, que chega tras ter regulado o Goberno autonómico a remates do ano pasado o recoñecemento das vítimas de explotación sexual como vítimas da violencia de xénero, e coa que se lles dá acceso, como tales, aos apoios e á asistencia integral necesarias.

A efectos legais, a Comunidade galega considera vítimas de explotación sexual ás mulleres “que realizan o exercicio da prostitución, incluídos os actos pornográficos ou a produción de material pornográfico, con obtención de lucro por parte dunha terceira persoa, ben física ou xurídica, cando a vítima se atope nunha situación de vulnerabilidade persoal ou económica ou se lle impoñan condicións gravosas, desproporcionadas ou abusivas”.

A Xunta está a destinar 5,6 millóns de euros de fondos autonómicos -cifra ampliable en función das necesidades- para facer fronte durante 2023 e 2024 a estes pagamentos periódicos cos que segue a apoiar a independencia económica das vítimas.

As axudas periódicas constitúen unha das principais ferramentas coas que o Goberno galego presta apoio ás vítimas da violencia de xénero. Galicia segue a ser comunidade referente neste senso por ser a única que ofrece estas achegas.  

As axudas teñen o prazo aberto de xeito permanente, co que poden solicitarse polas interesadas en calquera momento do ano.

A convocatoria diríxese a mulleres maiores de idade ou emancipadas que sexan vítimas de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor. Tamén para as afectadas por situacións de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual -como se recolle na publicación de hoxe no DOG- que dependan da persoa que exercese sobre elas dominación e/ou explotación, e para as damnificadas pola violencia vicaria.

Como requisito, a convivencia co agresor ten que ter rematado nos 12 meses anteriores á data de presentación da solicitude. Ademais de estar empadroadas e ter residencia efectiva na Comunidade -ou permiso de residencia, no caso das mulleres estranxeiras- deberán acreditar, por outra banda, ingresos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente e non ter percibido esta axuda con anterioridade.

A achega consiste nun pagamento mensual directo para a beneficiaria que se concederá por un máximo de 12 mensualidades. Esta cantidade pode oscilar entre os 200 euros e os 800, contía que varía en función dos ingresos da perceptora, das fillas ou fillos menores (ou menores en acollida) e doutras circunstancias como as condicións de discapacidade.

Con esta modificación, o Goberno galego dá un paso máis no recoñecemento das mulleres sometidas a explotación sexual como vítimas da violencia de xénero, co obxecto de garantirlles os apoios e acompañamento que precisan para saír desa situación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/06/2023