A directora xeral de Patrimonio Natural participou hoxe nunha xornada técnica sobre manexo da poboación nidificante da especie na Escola Galega de Administración Pública

A Xunta forma a persoal e representantes municipais de 15 concellos galegos para garantir a reprodución e coidado das súas poboacións de píllara

Belén do Campo lembra que o ano pasado se constatou o nacemento de máis de 180 exemplares en toda a Comunidade, dos cales 41 foron resultado do programa de cría en catividade desenvolvido nos centros de recuperación de fauna de Cotobade e Oleiros

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023 A Xunta organizou hoxe en Santiago unha xornada técnica formativa para persoal dos concellos incluídos no ámbito de aplicación do Plan de conservación da píllara das dunas co obxectivo de mellorar o seu coñecemento e as destrezas no manexo da poboación nidificante desta especie, unha ave autóctona de Galicia e única existente en todo o sector cantábrico-atlántico español.

Durante a sesión, inaugurada esta mañá na Escola Galega de Administración Pública pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e á que asistiron representantes de 15 concellos, afondouse nas diferentes medidas e técnicas que se poden executar nas praias de cara a aumentar o éxito reprodutor desta especie, como, por exemplo, a protección de niños mediante parcelas de exclusión ou a implantación de medidas de control de depredadores. De feito, en 87 dos 90 niños que se protexeron o ano pasado instaláronse parcelas de exclusión e nos restantes só foi necesario fixar un perímetro amplo para evitar o acceso de persoas.

Así mesmo e con relación ás medidas de conservación e manexo do hábitat da píllara, a directora xeral incidiu na importancia de realizar balizamentos temporais en áreas críticas, especialmente durante a época reprodutora —entre o 15 de marzo e o 15 de xullo— co obxectivo de evitar perturbacións que impliquen o abandono temporal do niño.

En todo caso e tras lembrar que en 2022 se constatou o nacemento de máis de 180 exemplares ao abeiro do plan de recuperación impulsado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Belén do Campo incidiu no labor clave que se vén realizando para a cría en catividade desta especie nos centros de fauna silvestre que ten a Xunta en Cotobade e en Oleiros.

Así, cómpre subliñar que o ano pasado 141 polos naceron en niños localizados nas praias galegas e os restantes 41 foron o resultado do programa de conservación ex situ que se desenvolve nestas instalacións grazas á recuperación de niños ameazados por preamares, abandono ou unha elevada presión humana nas praias nas que crían.

A xornada técnica, ao que foron invitados os 23 municipios galegos que teñen no seu ámbito territorial algunha área de presenza prioritaria da píllara de acordo coa delimitación incluída no plan de conservación da especie, contou coa asistencia dunha vintena de persoas entre técnicos, funcionarios e representantes municipais pertencentes a 15 concellos e que traballan en áreas relacionadas coa materia.

Esta é a segunda acción formativa que promove a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no que vai de ano no marco do programa para conservar a píllara das dunas. A primeira celebrouse o pasado 11 de abril tamén en Santiago e estivo dirixida naquela ocasión a axentes facultativos ambientais, vixiantes de recursos naturais e persoal técnico ao servizo do departamento autonómico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2023