Os deportistas galegos de alto nivel xa poden solicitar as axudas de 2023 así como as de preparación dos xogos de París

O orzamento da convocatoria de 2023 será de 500.000 euros e poderanse solicitar as axudas dende hoxe ata o vindeiro mércores 14 de xuño de 2023

Santiago, 1 de xuño de 2023

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar no día de onte o anuncio da convocatoria de axudas a deportistas galegos e galegas de alto nivel, Axudas DGAN 2023. Nesta edición 2023 volverase a optar polo modelo dunha única convocatoria co que se pretende axudar á preparación e participación dos deportistas que están a buscar a súa clasificación para os Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, así como ao resto de deportistas DGAN que tiveran o recoñecemento en vigor nalgún momento dos anos 2022 e 2023. O orzamento da convocatoria de 2023 será de 500.000 euros e poderanse solicitar as axudas dende hoxe ata o vindeiro mércores 14 de xuño de 2023.

Por unha banda, as Axudas Galicia-París 2024 terá en conta a participación e resultados en anteriores edicións dos Xogos Olímpicos e Parlímpicos, xunto coa acreditación federativa de formar parte dos programas de preparación olímpica ou paralímpica de París 2024 ou estar en condicións de participar nas probas de clasificación para os citados Xogos, así como os resultados obtidos nos campionatos internacionais celebrados posteriormente aos Xogos de Toquío. As axudas olímpicas e paralímpicas terán dúas contías de 6.000 euros (Axuda Galicia-París 1) e de 4.000 euros (Axuda Galicia-París 2).      

Pola outra banda, as Axudas DGAN 2023 valorarán unicamente o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022 e contarán con sete categorías: Axuda DGAN 1 (ata 8.000 euros), Axuda DGAN 2 (ata 6.000 euros), Axuda DGAN 3 (ata 4.000 euros), Axuda DGAN 4 (ata 2.000 euros), Axuda DGAN 5 (ata 1.000 euros), Axuda DGAN 6 (ata 1.000 euros) e Axuda DGAN Deportista de Apoio/Guía, que un ano máis será da mesma contía para os deportistas de apoio que a que reciben os deportistas con discapacidade aos que guían.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/06/2023