A Xunta celebra a semana que vén as Catas dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

Dende o luns día 5 e ata o venres 9 de xuño vanse catar arredor de 384 mostras procedentes de 166 adegas das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas

Haberá tamén 44 mostras amparadas polas indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais de Galicia

Dous paneis compostos por unha vintena de expertos serán os encargados de avaliar totalmente a cegas as mostras concursantes

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023

As Catas dos Viños, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia 2023 desenvolveranse entre o luns e o venres da vindeira semana no Pazo de Quián en Sergude, no concello coruñés de Boqueixón. Alí daranse cita unha vintena de expertos encargados de valorar totalmente a cegas un total de 428 mostras que foron recollidas nos últimos días polo persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, en colaboración cos consellos reguladores das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas.

 

Este ano, para optar ás catas inscribíronse 384 mostras de viño, concretamente, 264 de branco e 120 de tinto, procedentes de 166 adegas das cinco denominacións de orixe e das catro indicacións xeográficas protexidas de viños galegos. Así mesmo, rexistráronse un total de 44 mostras amparadas polas indicacións xeográficas das augardentes e licores tradicionais de Galicia, pertencentes a 16 empresas. Neste caso con 14 de augardente de Galicia, 5 de augardente envellecida, 5 de augardente de herbas, 8 de licor de herbas e 12 de licor café.

 

No que atinxe aos viños, entre os días 22 e 26 de maio, o persoal de Medio Rural, co apoio dos responsables de cada selo de calidade diferenciada, identificaron e recolleron as mostras participantes nas respectivas adegas. Para garantir de forma rigorosa o anonimato, todas elas se envolveron en material opaco e introducíronse posteriormente nunha caixa selada. De cada mostra só queda visible o nome da categoría na que participan —elaboracións con madeira, colleiteiro e pequenas adegas, colleitas anteriores, espumoso, etc.—, así coma o tipo de viño — tinto ou branco—.

 

Pola banda das augardentes e os licores tradicionais, realízase a mesma operación, pero as mostras recolléronse en envases idénticos de 3/8 litros. Deste xeito, tamén resulta imposible a súa identificación, garantindo que a súa cata sexa totalmente a cegas.

Data de actualización: 01/06/2023