A Xunta publica os borradores de guía e proxectos de ordenación produtiva de catro aldeas modelo

Trátase do borrador de guía de ordenación produtiva da aldea modelo de Infesta (Monterrei) e dos borradores de proxecto de ordenación produtiva das de Ferreiros (Ames), Cortegazas (Avión) e Soutogrande (Vilariño de Conso)

Son documentos técnicos nos que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nestas aldeas modelo, dende os puntos de vista económico, técnico, social e ambiental

O prazo de presentación de observacións e achegas é dun mes a partir de mañá, día seguinte da publicación no DOG

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os acordos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural polos que se someten a información pública o borrador de guía de ordenación produtiva da aldea modelo de Infesta (Monterrei) e os borradores de proxecto de ordenación produtiva das de Ferreiros (Ames), Cortegazas (Avión) e Soutogrande (Vilariño de Conso).

Trátase de documentos técnicos nos que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nestas aldeas modelo, dende os puntos de vista económico, técnico, social e ambiental. Nesa liña, contémplanse unha serie de usos preferentes e outros secundarios. Así mesmo, indícanse os prazos e prezos establecidos para os grupos de cultivos e aproveitamentos, así como a descrición das actuacións a levar a cabo para a súa posta en produción.

Aldea modelo de Infesta en Monterrei

No caso da aldea de Infesta, na localidade ourensá de Monterrei, perfílase como actividade principal nas zonas de ladeira os cultivos leñosos, e cultivos agrícolas de ciclo curto e complementarios na zona chaira da aldea. Como actividades secundarias, os cultivos complementarios ao aproveitamento gandeiro, a gandería en extensivo e tamén cultivos leñosos como froiteiras. Neste caso, a figura da aldea modelo abarca un perímetro de 42,95 hectáreas, distribuídas en 930 parcelas de 232 propietarios. Nesta aldea deberase ter en conta a contorna de protección do Camiño de Santiago, que percorre o territorio da aldea modelo de norte a sur.

Aldea modelo de Ferreiros en Ames

A aldea modelo de Ferreiros, no concello coruñés de Ames, abrangue un total de 9,83 hectáreas, distribuídas en 128 parcelas de 52 titulares catastrais. Nesta aldea, o proxecto de ordenación produtiva establece como actividade principal a gandería en extensivo e os cultivos agrícolas complementarios á explotación. Como actividades secundarias, os cultivos de horta e leñosos, principalmente plantación de froiteiras e castiñeiros para obtención de froito. Considérase en toda a aldea como actividade complementaria o aproveitamento apícola.

Aldea modelo de Cortegazas en Avión

Pola súa banda, na aldea modelo de Cortegazas, no concello ourensán de Avión, establécese como actividade principal o aproveitamento de gando en extensivo compatible coas importantes masas de frondosas caducifolias existentes, cultivos complementarios ao gando e aproveitamento apícola. Como actividade secundaria, os cultivos leñosos como poden ser a plantación de árbores froiteiras e principalmente a plantación de castiñeiro para froito. Neste caso, a aldea modelo abrangue 17,88 hectáreas, distribuídas en 727 parcelas de 99 propietarios.

Aldea modelo de Soutogrande en Vilariño de Conso

O proxecto de ordenación produtiva para a aldea modelo de Soutogrande, na localidade ourensá de Vilariño de Conso, define como actividade principal a gandería en extensivo e cultivos agrícolas complementarios á explotación, así como o aproveitamento da castaña na zona de souto complementándoo co aproveitamento gandeiro en extensivo e o apícola. Como actividade secundaria proponse o aproveitamento destinado a cultivos leñosos, como pode ser plantación de froiteiras, principalmente castiñeiro para froito. A aldea modelo abrangue 34,54 hectáreas, distribuídas en 99 parcelas de 46 propietarios.

Estes proxectos poden consultarse tanto nos taboleiros de anuncios dos concellos nos que se sitúen as aldeas modelo como na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: https://agader.xunta.gal/gl/recuperacion-de-terras/aldeas-modelo/. O prazo de presentación de achegas e observacións é dun mes a partir de mañá, día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).  

Data de actualización: 01/06/2023