A conselleira do Mar respondeu no Parlamento unha interpelación sobre os espazos portuarios de uso urbano

A Consellería do Mar traballa para poñer 450.000 metros cadrados de terreos portuarios a disposición do Estado para a súa reversión aos concellos

O Executivo galego ten definida unha carteira de 27 espazos cun valor do chan de máis de 12 millóns de euros e que xeran ao ano arredor de 330.000 euros de ingresos por taxas, unha recadación que tamén podería pasar a engrosar as arcas dos municipios

Esta relación é o resultado de varios anos de traballo cos Gobernos locais e coa Federación Galega de Municipios e Provincias para poñer a disposición da veciñanza aqueles espazos portuarios nos que non se desenvolve actividade profesional

A futura Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia axilizará este tipo de xestións afianzando a recuperación do solo portuario para o conxunto da cidadanía

Portos de Galicia vai sacar a concurso as cafetarías de sete dársenas autonómicas e bonificará o 50% das taxas daqueles locais que non tivesen demanda para a súa posta en funcionamento nos últimos tres anos
 

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, explicou hoxe no Parlamento que o seu departamento está a traballar para poñer a disposición do Estado máis de 450.000 metros cadrados de terreos portuarios para a súa reversión posterior aos concellos. Trátase, detallou, de 27 espazos de distinto tipo cun valor do chan de máis de 12 millóns de euros que supoñen uns ingresos anuais para Portos de Galicia de arredor de 330.000 euros por taxas de terrazas de hostalaría ou mercadiños, unha recadación que tamén podería pasar a formar parte das arcas dos concellos.

A titular de Mar salientou que esta carteira de terreos é o resultado de varios anos de traballo cos Gobernos locais e coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), así como de realización de distintos informes, para avanzar na reversión deses espazos sen uso portuario pois o Executivo galego é o primeiro interesado en poñer a disposición da veciñanza aqueles espazos que non teñen actividade profesional.

Non obstante, a representante da Xunta lembrou que, unha vez que Galicia entregue ao Goberno central esas superficies -para o que aínda quedan numerosos trámites-, será o Estado quen decidirá -mediante acordo aprobado en Consello de Ministros- o seu destino final: a transferencia efectiva aos concellos ou que permanezan adscritos á Administración Xeral do Estado como dominio público marítimo-terrestre. 

Rosa Quintana reiterou que a comunidade mantén un diálogo constante e colaboración cos municipios para a reversión deses terreos que non teñen uso portuario e sobre os que os Gobernos locais mostraron interese. Boa mostra diso é que o Executivo galego pretende incluír en cada proposta de reversión o compromiso municipal de solicitar a súa titularidade para que o Estado teña claras as aspiracións dos concellos e non poña trabas inxustificadas na súa tramitación.

Futura lei

A conselleira lamentou que todo este procedemento de cambio de titularidade dos terreos é complexo, motivo polo que a Xunta decidiu unificar nun mesmo procedemento distintos expedientes. Non obstante, asegurou que a futura Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia axilizará estas cuestións afianzando a xestión final do solo portuario polos concellos.

Coas competencias plenas sobre o litoral, incidiu a titular de Mar, Galicia poderá facer as cousas máis rápido, de forma máis eficiente e respondendo aos intereses do sistema portuario e da cidadanía pois o fin último debe ser dinamizar as zonas portuarias e promover a explotación das súas instalacións como xeradoras de riqueza e emprego.

Precisamente con ese obxectivo e en paralelo, Portos de Galicia está a traballar para sacar a concurso as cafetarías dun total de sete dársenas e bonificará o 50% das taxas dos locais que non tivesen demanda para a súa posta en funcionamento nos últimos tres anos. O fin último é optimizar o aproveitamento dos espazos portuarios e reactivar aqueles que se atopan sen uso.

 

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 31/05/2023