A Xunta enxalza o papel da muller como dinamizadora das contornas rurais e artífice do seu crecemento

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participaron hoxe nunha xornada organizada por Leite Río en Oleiros para impulsar a coraxe da muller rural
 

Mancha destacou que a Xunta, a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego está a impulsar a iniciativa empresarial nestas contornas
 

Balseiros, pola súa banda, fixo especial fincapé no compromiso do goberno galego co rural, especialmente coas mulleres
 

Oleiros (A Coruña), 31 de maio de 2023

A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, participaron hoxe nunha mesa redonda organizada por Leite Río Galicia na Fundación Juana de Vega, no marco da presentación  da campaña Actitud Río: puro coraje, para enxalzar a contribución das mulleres ao desenvolvemento e crecemento do rural.

Mancha destacou a aposta da Xunta pola creación de emprego autónomo e por conta allea no medio rural que se materializou na posta en marcha da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que, con 15 centros que quedarán antes de que remate o ano distribuídos por toda Galicia, están a dar prioridade ás áreas menos urbanas.

Os polos, tal e como explicou a directora xeral, enmárcanse na estratexia de emprego Xempre Contigo, que “avoga por avanzar na consecución dun mercado laboral mellor, máis preparado e interconectado, no que o emprendemento no territorio resulta clave polos beneficios que reporta na poboación e nas contornas”. Na mesma liña, especificou Mancha, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dá prioridade ás mulleres e ás residentes en contornas rurais nas súas políticas e está a axudar á conciliación tanto das persoas traballadoras autónomas como nas empresas nas contornas rurais.

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, fixo especial fincapé no compromiso do goberno galego co rural, especialmente coas mulleres, materializado a través de convocatorias de axudas anuais, como as de incorporación da mocidade ao agro, plans de mellora e creación de pequenas explotacións.

No relativo ao sector lácteo, segundo explicou José Balseiros, no novo Observatorio haberá unha vogalía exclusiva para as organizacións de mulleres rurais.

Para finalizar, recoñeceu o labor que están a desenvolver os gandeiros e gandeiras para configurar un sector forte centrado nos produtos de alto valor engadido que permitan soster uns prezos dignos para o sector.

Os representantes autonómicos avogaron pola sustentabilidade social empresarial, que abrangue o compromiso coa preservación do medio ambiente e tamén da contorna social, con medidas de corresponsabilidade, por exemplo, que contribúen a atraer a xente nova ao rural para desenvolver o seu proxecto de vida.

Subliñaron que o Primario é un sector tractor de enorme importancia e que para mellorar a súa rendibilidade cómpre manter as fontes tradicionais de recursos, que fixan poboación e contribúen ao crecemento económico da comunidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2023