Artesanía de Galicia debate en Sevilla sobre os diferentes instrumentos para impulsar o sector

xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá en Sevilla nunha nova reunión do Observatorio Nacional de Artesanía, un foro no que participan as administracións públicas de toda España

Mañá xoves celebrarase tamén unha xornada sobre os diferentes modelos de impulso da artesanía en países como o Reino Unido, Italia, Irlanda, Portugal ou Bélxica

Sevilla, 31 de maio de 2023

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá nunha nova reunión do Observatorio Nacional da Artesanía, un foro de encontro impulsado por Fundesarte, no que participan as administracións públicas das diferentes Comunidades Autónomas, así como a Organización de Artesanos de España (OAE).

Durante a reunión, puxéronse sobre a mesa cuestións vinculadas á actualidade da artesanía nas diferentes comunidades, entre outros temas. Fundesarte forma parte da Fundación EOI (Escuela de Organización Industrial). Trátase da organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas, centrada en potenciar, poñer en valor e comunicar a calidade do produto artesán e a sostibilidade dos seus procesos de elaboración. Fundesarte é tamén a entidade que cada ano convoca os Premios Nacionais de Artesanía e a que coordina a participación das diferentes comunidades autónomas en proxectos de carácter internacional, como é o caso dos Días Europeos da Artesanía ou de Crafts Code, nos que participa Artesanía de Galicia.

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia asistirá ademais á xornada Reinventando a artesanía en Europa: análise de modelos internacionais, que se celebrará tamén en Sevilla mañá xoves, e na que se presentarán as propostas de apoio ao sector artesanal en países coma o Reino Unido, Irlanda, Portugal, Italia ou Bélxica. A xornada está promovida polo Ministerio de Cultura e Deporte, EOI-Fundesarte e o Ayuntamiento de Sevilla, e organizada pola Asociación Contemporánea de Artes y Oficios.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2023