A Xunta remata a construción dunha glorieta elíptica na intersección da estrada PO-331 no alto de San Cosme, nos concellos de Vigo e de Mos

A intervención, cun investimento de 40.000 €, reforza a seguridade dos xiros neste punto no que conflúe a PO-331 coas vías de acceso á Universidade de Vigo, ao núcleo de Erville e a outros equipamentos da contorna

Executouse unha glorieta de planta elíptica, de radio de 12,50 metros, cun carril de 6 metros e beiravía exterior e interior de ata 1 metro

A illa central da glorieta ten 15 metros de ancho e 30 metros de longo e conta cun gorxal de 2 metros de ancho empedrado, puntualmente remontable para os vehículos
 

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar a construción dunha glorieta elíptica na intersección da estrada autonómica PO-331, no alto de San Cosme, nos concellos de Vigo e de Mos.

 

Esta actuación, cun investimento da Xunta que rolda os 40.000 euros, consistiu na adecuación da intersección situada no punto quilométrico 7+600, no que a PO-331 conflúe coas vías que conectan coa Universidade de Vigo, co núcleo de Erville e con outros importantes equipamentos da zona.

 

Os traballos supuxeron o acondicionamento da intersección mediante a implantación dunha glorieta, que contribuirá ao calmado de tráfico.

 

Executouse unha glorieta de planta elíptica, de radio mínimo 12,50 metros, cun carril de 6 metros de ancho, con beiravía, tanto exterior como interior, de ata 1 metro de ancho.

 

A illa central da glorieta ten unhas dimensións de 15 metros de ancho e 30 metros de longo e conta cun gorxal de 2 metros de ancho, empedrado, de maneira que poida ser puntualmente remontable para os vehículos.

 

Tamén se adecuou á nova configuración da intersección a sinalización horizontal e vertical, e colocáronse carteis de orientación necesarios para indicar os destinos na estrada PO-331.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2023