A Xunta leva ao DOG as convocatorias do Bono Consolida e do programa ES-Transforma que suman máis de 5 M€ para impulsar a economía social en Galicia

A Xunta quere reforzar a presenza do cooperativismo no tecido económico galego

O Bono Consolida en 2023 avogará pola transformación dixital e eficiencia enerxética dos negocios con apoios de ata 30.000 euros por entidade

A nova edición de ES-Transforma dispón 2,3 M€ para converter en cooperativas e sociedades laborais empresas sen remuda xeracional, unións de persoas autónomas e calquera tipo de sociedade ata un máximo de 74.000 euros de apoio

A Xunta de Galicia está a traballar na II Estratexia Galega da Economía Social coa que aspira a xerar 3.500 novos empregos deste modelo ata 2026

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe cadansúas convocatorias do Bono Consolida (2,7 M€) e do programa ES-Transforma (2,3 M€), co que referenda o seu compromiso no impulso do cooperativismo e a economía social, co foco posto na súa transformación e adaptación á transición verde e dixital e para a seguir a dinamizar estas fórmulas, garantindo o seu relevo xeracional. Ambas as dúas liñas manterán o seu prazo de solicitude ata o próximo 15 de setembro.

O DOG convoca, así, dunha banda, a nova convocatoria do Bono Consolida que, dotada con 2.730.000 euros, seguirá a apoiar a consolidación das entidades da economía social e a reforzar a súa presencia no tecido económico de Galicia.

As axudas prestarán atención especial á transformación dixital e á sustentabilidade, con  achegas máximas por entidade que poden acadar os 30.000 euros para, entre outras actuacións, financiar investimentos -realizados entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023- en equipamento informático, desenvolvemento de software, plans de protección de datos, eficiencia enerxética ou de marketing ou imaxe corporativa.

Como novidade este ano inclúense entre os conceptos susceptibles de financiación, os elementos de transporte e a formación para os socios afiliados ao réxime de traballo autónomo (RETA).

O Goberno autonómico destinará, por outra banda, 2.370.000 € para orzamentar unha nova edición do programa ES-Transforma, no marco do que se conceden axudas máximas de ata 74.000 euros para a creación de cooperativas e sociedades laborais a partires de empresas sen remuda xeracional, da unión de persoas traballadoras autónomas, da transformación de calquera tipo de sociedade ou tras a adquisición da entidade por parte das persoas traballadoras da mesma.

A través das achegas, a Administración autonómica farase cargo de ata o 90 % dos custos nos que incorran estas entidades no eido do asesoramento legal, rexistro, notarías e informes; para desenvolvemento da imaxe corporativa; obtención de certificacións de calidade; marketing, comunicación ou relanzamento comercial; ou protección de datos.

Os apoios, ao igual que no Bono Consolida, abranguen tamén os gastos realizados entre o 1 de novembro de 2022 e o 31 de outubro de 2023 en equipamento informático e outros, desenvolvemento web, melloras na eficacia enerxética, reformas e mobiliario dos locais e elementos de transporte.

Galicia quere referendar o seu compromiso coa economía social e en 2023 está a apoiar esta fórmula de emprendemento con máis de 42 millóns de euros, artellados en tres grandes eixos: difusión da economía social, creación e consolidación de iniciativas de economía social, e promoción do emprego inclusivo.

O Goberno galego xa iniciou os traballos da II Estratexia galega da Economía Social 2023-2026, coa que se estima crear 3.500 novos postos de traballo baixo o paraugas desta modalidade de negocio e constituír 400 novas entidades.

A nova estratexia apoiará o posicionamento deste modelo nos sectores tecnolóxico e dixital, verde, industrial e sustentable e promoverá, entre outras medidas, a presenza feminina e moza na economía social. O documento, que se desenvolverá de xeito transversal cos distintos departamentos autonómicos, quere mellorar as competencias das persoas e as capacidades das entidades na economía social, para enfrontar os retos do novo contexto socioeconómico e para consolidar o seu crecemento continuo en Galicia. 

No cumprimento das súas finalidades, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade avogará pola creación, no marco da estratexia, de aceleradoras de emprendemento na economía social, pola cooperación transfronteiriza das persoas emprendedoras e pola consolidación dun espazo de innovación deste modelo, entre outras medidas.

 

Data de actualización: 31/05/2023