A Xunta activa os apoios por 3,8 M€ para continuar avanzando na transformación dixital e sustentable do comercio de proximidade galego

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe Zapatería Dadá en Vigo e a farmacia Andrea Domínguez en Redondela, participantes na anterior edición desta iniciativa para impulsar proxectos de contido tecnolóxico, innovador e sustentable

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 30 de xuño

As axudas alcanzan o 90 % do investimento subvencionable e poden chegar ata 180.000 euros no caso de pemes comerciais e autónomos e a 72.000 euros no caso das federacións de comerciantes

Financiaranse aplicacións de big data e análise de datos para mellorar a experiencia da clientela; probadores interactivos; asistentes virtuais (chatbots) ou aplicacións de realidade virtual e aumentada

Vigo, 30 de maio de 2023 A Xunta de Galicia vén de activar os apoios por 3,8 millóns de euros para continuar avanzando na transformación dixital e sustentable do comercio de proximidade galego, adaptándose ás novas demandas da clientela. Así, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o programa de axudas do Fondo Tecnolóxico, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU.

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, que visitou esta tarde Zapatería Dadá, en Vigo, e a farmacia Andrea Domínguez, en Redondela, subliñou que desta iniciativa se poden beneficiar autónomos e pemes comerciais e asociacións e federacións do sector e que se busca financiar proxectos de contido tecnolóxico, innovador e sustentable dirixidos a impulsar o emprego das novas tecnoloxías no sector comercial.

As axudas, que alcanzan o 90 % do investimento subvencionable, poden chegar aos 180.000 euros no caso das pemes comerciais, en función do número de traballadores. Os apoios poden chegar aos 54.000 euros no caso das asociacións de comerciantes con maior número de asociados, e chegar aos 72.000 euros no caso de federacións de ámbito provincial ou autonómico. Concederanse por orde de solicitude, e abranguerán actuacións realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 29 de setembro deste ano.

No caso dos comercios, entre outras actuacións, financiaranse aplicacións de big data e análise de datos para mellorar a experiencia da clientela; sistemas de click and collect e locker dixitais; etiquetado electrónico para liñais de venda; probadores interactivos; asistentes virtuais (chatbots) ou aplicacións de realidade virtual e aumentada. Os comerciantes tamén poden acceder a apoios para, entre outras actuacións, instalar sistemas de climatización enerxeticamente eficientes e sensores de presenza para a regulación automática de luces.

No que respecta ás asociacións de comerciantes, poderán destinar as axudas á instalación de mupis dixitais, redes wifi nas áreas comerciais, procesos ecoeficientes para a correcta separación de residuos ou proxectos para mellorar a eficiencia enerxética, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2023