O conselleiro do Medio Rural participou no I Foro de la Uva y de la Viña celebrado hoxe no concello ourensán de Cenlle

A Xunta pon en valor a Lei de recuperación ou a Estratexia do viño para mellorar a competitividade do sector vitivinícola galego

José González destacou iniciativas como os polígonos agroforestais de viñedo, que axudan a soster a viticultura tradicional galega baseada en que os pequenos viticultores poidan ter terra suficiente como para producir de xeito rendible.

Durante toda a xornada sucedéronse diversos faladoiros e debates sobre as políticas europeas que afectan á produción de uva e os cambios no mercado, entre outras cuestións

Cenlle (Ourense), 30 de maio de 2023 O conselleiro do Medio Rural, José González, participou hoxe no I Foro de la Uva y de la Viña, nunha mesa redonda sobre a estratexia que se debe seguir para que a vitivinicultura galega gane en competitividade. Alí, puxo en valor ferramentas como a Lei de recuperación ou a Estratexia do viño para mellorar neste eido.

Así, na súa intervención, José González destacou o labor que está a desenvolver a Xunta de Galicia para favorecer a competitividade deste sector, que se configura como un piar fundamental do medio rural galego. Deste xeito, o conselleiro fixo fincapé na lexislación -con normas como a Lei de mellora da estrutura territorial agraria e a Lei de recuperación da terra agraria- e a planificación -coas certificacións de calidade e a Estratexia do viño- que se están a promover para mellorar este eido.

En concreto, salientou as parcelarias como ferramenta fundamental para paliar o minifundismo, beneficiando a rendibilidade das explotacións galegas e, por extensión, das súas producións de calidade. Seguindo esta liña, González destacou tamén a Lei de recuperación con figuras como os polígonos agroforestais de viñedo, que axudan a soster a viticultura tradicional galega baseada en que os pequenos viticultores poidan ter terra suficiente como para producir de xeito rendible. Así, desde 2020 mobilizáronse arredor de 35.000 hectáreas para a produción de calidade, incluídas a plantación e cultivo de vide, na nosa comunidade.

Neste sentido, resaltou tamén a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, que ten como obxectivo consolidar a nosa comunidade como destino enoturístico e referente neste eido. O conselleiro sinalou que a competitividade está relacionada co dinamismo, polo que cómpre conferir valor engadido que permita converter o viño nun elemento central para a dinamización do territorio das comarcas vitivinícolas.

Ademais, o conselleiro aludiu á futura Lei da calidade alimentaria, que se suma ás certificacións de calidade, nomeadamente ás cinco denominacións de orixe (DO) e as cinco indicacións xeográficas protexidas (IXP) que permiten promocionar e protexer a produción de viño vinculada ao territorio galego, entre outras cuestións.

Durante a xornada, sucedéronse diversos faladoiros e debates sobre as políticas europeas que afectan á produción de uva e os cambios no mercado. Así, no foro tratáronse temas como a evolución na elaboración do viño e a adaptación da viña en Galicia nunha contorna cambiante.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2023