A Xunta comeza as obras da 2ª fase de acondicionamento da estrada AC-862, entre o campo do hospital e A Ponte Mera, cun investimento de máis de 6 M€

A intervención, que ten un prazo de execución de 18 meses, iniciouse con traballos previos de roza e movemento de terras
 

As obras acometeranse en 3 km para mellorar a seguridade viaria, coa rectificación de 13 curvas de radio reducido, cunetas de seguridade e carrís lentos de adiantamento
 

Disporanse barreiras para a protección de motoristas, ampliaranse as beiravías e renovarase a sinalización, vertical e horizontal
 

A actuación completa a 1ª fase executada nun treito de case 18 km da mesma estrada, entre San Sadurniño e o Campo do Hospital, que supuxo un investimento de 7,2 M€
 

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2023 A Xunta comezou as obras da 2ª fase de acondicionamento da estrada AC-862, entre O Campo do Hospital e A Ponte Mera, cuxas obras foron licitadas por 6,8 millóns de euros.

Estas actuacións, que teñen un prazo de execución de 18 meses, iniciáronse con traballos previos de roza e cos primeiros movementos de terras.

O obxectivo da intervención é o acondicionamento da AC-862 entre San Sadurniño e Ortigueira, dando continuidade ás obras da 1ª fase, executadas nun treito de case 18 km entre San Sadurniño e O Campo do Hospital, que supuxeron un investimento da Xunta de 7,2 millóns de euros.

Os traballos mellorarán a AC-862 entre O Campo do Hospital e A Ponte Mera, reforzando a seguridade, tanto para o tráfico rodado como para os demais usuarios da estrada. 

As actuacións seguirán similar liña ás executadas no primeiro treito, coa rectificación de curvas con radio reducido, a execución de cunetas de seguridade e a dotación de carrís lentos nos treitos en pendente que faciliten os adiantamentos.

As obras acometeranse en preto de 3 km da AC-862 para completar o acondicionamento desta vía ata Ortigueira, entre os puntos quilométricos 37+240 e 40+500, ao seu paso polos concellos de Ortigueira, Cerdido e Cedeira.

Tamén se prevé a rectificación puntual de 13 curvas de radio reducido, a rehabilitación do firme, a realización de cunetas de seguridade a modo de sobreancho practicable e a mellora xeral da vía coa ampliación da plataforma, dotando de carrís lentos treitos en pendente que permitan adiantamentos.

Na intervención inclúese a disposición de barreiras nos bordos da vía onde a altura de recheos supere os 3 metros de altura e a instalación de dispositivos de protección a motocicletas naquelas zonas que sexan de radio reducido.
 
Con esta 2ª fase de acondicionamento da AC-862 a Xunta culminará a transformación integral do eixe San Sadurniño-Ortigueira cun investimento global de case 15 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2023