A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda compareceu esta mañá a petición propia no pleno do Parlamento para expoñer as súas políticas en materia de vivenda

A Xunta reclamará unha mesa de diálogo co Goberno central para resolver as dúbidas competenciais da nova Lei polo dereito á vivenda

Ángeles Vázquez aposta pola apertura dunha comisión bilateral Xunta-Estado pero non descarta recorrer ante a Xustiza unha norma “intervencionista”, que “invade competencias autonómicas” e que xerará “inseguridade xurídica e confusión”
 

Contrapón a xestión “áxil e eficaz” do Executivo galego neste eido, cun investimento desde 2009 de 714 M€ para axudar a 143.000 familias a acceder ou rehabilitar a súa vivenda, cos “atrancos” e “anuncios electoralistas” do presidente Pedro Sánchez
 

A responsable autonómica anuncia para este ano a convocatoria dun total de 24 programas e liñas de subvencións cos que se mobilizará un mínimo de 140 M€
 

Avanza que a Consellería acaba de pedir ao Ministerio máis fondos para Galicia para o Bono alugueiro mozo e que introduza cambios nas bases para evitar “inxustizas”
 

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2023

A Xunta de Galicia ten intención de reclamar que se abra un proceso de diálogo co Goberno central ante as dúbidas competenciais xeradas coa aprobación definitiva da nova Lei estatal polo dereito á vivenda, en vigor desde o pasado venres.

Durante unha comparecencia a petición propia no Parlamento para expoñer as políticas de vivenda do seu departamento, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou que xa se está a traballar na solicitude dunha comisión bilateral Xunta-Estado para tentar esgotar a vía do diálogo antes de tomar a decisión de recorrer xudicialmente un texto que “preocupa moito” a Galicia.

Ao respecto, a responsable autonómica incidiu na necesidade de “sentarse” co Executivo central para analizar o contido dunha lei “intervencionista”, que xera “inseguridade xurídica” e “invade competencias autonómicas”, pero sobre cuxa elaboración e tramitación, lembrou, “as comunidades non foron consultadas nin informadas”.

“Esta lei non nos gusta. Non lle gusta a Galicia, non lle gusta ao Observatorio da vivenda e non lle gusta aos axentes do sector”, sinalou a conselleira, quen lembrou durante a súa intervención algúns dos principais problemas detectados na nova norma pola Xunta e os principais colectivos que operan no mercado inmobiliario galego.

En concreto, indicou que a Lei polo dereito á vivenda “prima aos ocupas” fronte aos lexítimos donos dos inmobles, “ataca o dereito á propiedade privada”, aposta por “medidas fracasadas xa noutros países” e “sancionadoras” contrarias ás políticas de vivenda da Xunta, e provocará “distorsións no mercado” de alugueiro, prexudicando “tanto a propietarios como a inquilinos”.

Fronte aos “atrancos” e ao previsible “impacto negativo” que terá a aplicación da nova norma, Ángeles Vázquez contrapuxo a xestión “áxil e eficaz” que desde o ano 2009 vén realizando o Goberno galego neste eido. A modo de balance, salientou os 714 millóns de euros destinados pola Xunta desde entón para axudar a 143.000 familias a acceder ou rehabilitar o seu domicilio habitual ou as 4.640 vivendas públicas mobilizadas.

Unha política de “feitos”, explicou a conselleira, que contrapuxo aos últimos “anuncios electoralistas” do presidente Pedro Sánchez sobre a suposta cesión de miles de vivendas da Sareb ás comunidades, vivendas que, na práctica, “non teñen licenza de primeira ocupación” e en moitos casos “son cascallos” nos que non se pode vivir.

Fronte a isto, incidiu en que o Executivo galego seguirá apostando nos vindeiros anos por políticas activas neste eido a través da Estratexia de vivenda pública e protexida, que tal e como lembrou prevé incrementar nun 50 % o actual parque público residencial ata alcanzar as 5.600 VPP en toda Galicia e traballar no impulso da construción en solo público doutras 3.000 vivendas por parte de promotores privados.

Na mesma liña, tamén anunciou que este ano o Instituto Galego da Vivenda e Solo xestionará un total de 24 medidas e programas de subvencións cos que se mobilizará un orzamento de, como mínimo, 140 millóns de euros. Entre eles, a responsable autonómica referiuse a axudas xa convocadas como o programa de rehabilitación de vivendas de titularidade municipal, os incentivos á compra para mozos en municipios de menos de 10.000 habitantes, ou as subvencións a promotores públicos e privados para construír vivendas en edificios enerxeticamente eficientes.

Tamén avanzou que este venres se publicará unha nova convocatoria de axudas para facer máis accesibles vivendas e edificios, cun orzamento de 9 millóns; e engadiu que nas vindeiras semanas se abrirán tres programas destinados a mellorar a eficiencia enerxética de inmobles de tipo residencial, financiadas con fondos europeos e cuxa primeira convocatoria, salientou, se pechou en Galicia cunha “execución do 100 %”.

Así mesmo e como exemplo da xestión que realiza a Xunta neste eido, Ángeles Vázquez anunciou que o seu departamento acaba de solicitar ao Ministerio máis fondos para o Bono alugueiro mozo, axuda que solicitaron 14.400 galegos e que recibiron algo máis de 4.000 por falta de orzamento, así como un cambio nas bases destas axudas en futuras convocatorias ante a detección de “inxustizas” e requisitos demasiado restritivos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2023