A Xunta financia con ata máis de 19.000 € anuais a contratación de preparadores laborais que presten apoio ás persoas con discapacidade nos seus empregos

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria destes apoios aos que destina medio millón de euros

As solicitudes poden presentarse ata o próximo 29 de setembro

A iniciativa forma parte do Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social 2023 ao que a Xunta está a destinar máis de 44,4 millóns de euros en 2023 para favorecer o acceso ao mercado laboral dunhas 6.000 persoas con dificultades para acceder a un emprego

No ano 2022 participaron no programa 40 preparadores e preparadoras laborais que apoiaron máis dun cento de persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión nos seus postos de traballo na empresa
 

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das axudas destinadas ao emprego con apoio, unha iniciativa coa que o Goberno galego financia os custos laborais derivados da contratación de preparadores laborais que presten apoio a persoas con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social no seu traballo nunha empresa, co fin de favorecer a súa integración laboral. As axudas poden solicitarse ata o próximo 29 de setembro.

Son beneficiarias destas axudas asociacións, fundacións e outras entidades sen ánimo de lucro, así como os centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral que subscriban o correspondente convenio de colaboración coa empresa que vai contratar as persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social beneficiarias das accións con apoio. Tamén poden optar a estes apoios as empresas e as persoas traballadoras autónomas que contraten persoas traballadoras con discapacidade ou en situación ou risco de exclusión social.

Con estes apoios sufrágase ata o 100% do custo salarial da persoa preparadora nas seguintes contías: 8.500 euros anuais por cada persoa traballadora apoiada con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65%; 5.500 euros anuais nos mesmos casos anteriores pero cando as persoas traballadoras a apoiar conten cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33% e inferior ao 65%; e 3.500 euros anuais por cada persoa traballadora apoiada con discapacidade física ou sensorial cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65% e persoas xordas e con discapacidade auditiva, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33%.

Estas axudas terán un incremento do 25% acumulables entre si se a empresa radica nun concello rural, ou as persoas preparadoras laborais a contratar son maiores de 45 anos, mulleres ou persoas emigrantes retornadas ou estranxeiras.

O programa de emprego con apoio inclúe, ademais, apoios aos desprazamentos dos preparadores laborais das entidades que subscriban convenios de colaboración cun máximo de 2.500 euros de axuda por persoa preparadora.

Polo tanto, as contías ao emprego con apoio poderán alcanzar como máximo os 19.125 euros, aumentando ata os 2.500 euros coa axuda para o desprazamento.

No ano 2022 participaron no programa 40 preparadores e preparadoras laborais que apoiaron máis dun cento de persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión nos seus postos de traballo na empresa.

A iniciativa forma parte do Plan Emprega Discapacidade-Exclusión Social 2023 ao que a Xunta está a destinar máis de 44,4 millóns de euros en 2023 para favorecer o acceso ao mercado laboral dunhas 6.000 persoas con dificultades para acceder a un emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 30/05/2023