A Xunta financia os gastos de posta en marcha de empresas de base tecnolóxica con ata 24.000 €

O Diario Oficial de Galicia publica mañá a nova convocatoria destes apoios que inclúen achegas tamén para as contratacións indefinidas, para a conciliación e, como novidade este ano, para o desenvolvemento da función de xerencia das e dos profesionais

Prevense achegas para cubrir gastos de notaría e rexistro, alugueiros, equipamento informático, páxinas web ou compra de materias primas, entre outros

Por cada contratación indefinida de persoas desempregadas realizada no primeiro ano de actividade poderán recibirse ata 12.000 euros

As persoas beneficiarias poden optar a 3.000 euros para contratar servizos de coidado de menores e maiores e de ata 10.000 para formación en toma de decisións e/ou contratación de análises ou estudos externos para a mellora da actividade

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2023 A Xunta publicará mañá no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas para impulsar as iniciativas de base tecnolóxica (IEBT) na que inviste este ano medio millón de euros para apoiar os gastos durante o primeiro ano de actividade.

A orde inclúe catro liñas de axuda: (1) para a creación de emprego estable, (2) inicio e posta en marcha da actividade, (3) conciliación e, (4) unha nova, coa que se dá cobertura á función xerencial das persoas promotoras na súa toma de decisións.

Para a creación de postos de traballo indefinidos durante o primeiro ano de funcionamento a Xunta concede apoios que van dos 6.000 aos 12.000 euros por persoa desempregada incorporada. Esta contía incrementarase nun 25% acumulables no caso no que o centro de traballo ou o domicilio fiscal da empresa se atope nun concello rural, ou que se contrate unha muller ou unha persoa maior de 45 anos, entre outros supostos.

As achegas para atender os gastos de inicio e posta en marcha da actividade -tales como honorarios de notaría e rexistro, compra de mercadorías e materias primas,  arrendamento do local,  maquinaria e equipamentos informáticos, seguro, publicidade e páxinas web- acadan un máximo de 24.000 euros.

Como novidade, na convocatoria deste ano, inclúese unha nova liña de apoio económico á  función xerencial, co obxecto de axudar a estes profesionais na toma de decisións necesarias para o bo funcionamento da empresa. Prevense dúas modalidades, ata un máximo de 10.000 euros; por unha banda, axudas para a formación da persoa empresaria e, unha segunda, para a realización externa de análises , estudos ou informes.

Por primeira vez este ano, incrementaranse nun 25% as contías destas tres liñas de axuda (creación de postos, inicio de actividade e función xerencial) se as iniciativas cualificadas de base tecnolóxica nacen baixo a fórmula de cooperativa ou sociedade laborais.

No marco da presente convocatoria prevense tamén axudas de ata un máximo de 3.000 euros para garantir a conciliación e sufragar ata o 75% dos custos dos servizos de coidado de menores, maiores ou dependentes que contraten os impulsores das iniciativas.

Con estas axudas, a Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, quere fomentar o espírito innovador emprendedor, principalmente no ámbito do persoal investigador e as persoas tituladas universitarias, en todas as áreas de coñecemento.

O apoio ás IEBT enmárcanse na nova Estratexia Xempre Contigo coa que a Xunta de Galicia  quere xerar máis e mellor emprego e está a apoiar o emprendemento en todas as súas fases. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade está a despregar este ano a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que prevé chegar este ano a 15 centros, pero que cos 8 xa activos nas catro provincias xa dá cobertura ao 100% do territorio. Nestes centros apóiase o emprendemento en todas as súas fases, con especial atención ás necesidades das contornas nas que se asenta, e ás iniciativas de mulleres, mocidade, de carácter innovador e con encaixe nas fórmulas da economía social.

O prazo de solicitude desta orde permanecerá aberto ata o próximo 29 de setembro.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2023