A Xunta convoca 600.000 en axudas para gandeiros afectados pola rata toupa

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se establecen as bases reguladoras destas achegas, que se poderán solicitar no prazo dun mes desde mañá

Poderán ser beneficiarios os titulares de explotacións gandeiras situadas nos concellos das Nogais, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos ou Triacastela

O importe de axuda que se concederá a cada beneficiario será de 300 euros por hectárea ou de 0,03 euros por metro cadrado

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos gandeiros afectados polo incremento poboacional da rata toupa (arvícola Scherman) nos pasteiros das súas explotacións en determinados concellos da provincia de Lugo. Contarán cun orzamento de 600.000 euros.

 Así, poderán ser beneficiarios destas axudas os titulares de explotacións gandeiras situadas nos concellos das Nogais, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos ou Triacastela. Nesta liña, poderá ser subvencionable toda a superficie dos recintos declarados con uso de pasteiro na Solicitude Unificada de axudas da Política Agraria Común (PAC) da convocatoria de 2022, situadas na zona de afección pola rata toupa.
 
As parcelas para as que se presente solicitude e non figuren dentro da zona demarcada pola afección da rata toupa poderán ser obxecto de inspección por parte do persoal do Servizo de Explotacións Agrarias de Lugo. Se se considera que existe un dano evidente producido pola rata toupa poderán ser incluídas dentro das parcelas subvencionadas.
 
O importe de axuda que se concederá a cada beneficiario será de 300 euros por hectárea. No caso de fraccións de superficie menores dunha hectárea a axuda será de 0,03 euros por metro cadrado.
 
O prazo de solicitudes é dun mes a partir de mañá, día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG).
 

Ligazón á resolución no DOG:

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2023