A Xunta reúnese cos profesionais que actúan como mentores das mozas e mozos participantes na terceira edición do programa Xuventude Mentoring

O obxectivo do programa é asesorar, formar e facilitar a inserción laboral de xente nova que acaba de rematar os seus estudos

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo hoxe unha reunión con expertos, empresarios e profesionais que actúan como mentores na terceira edición do programa Xuventude Mentoring. Estas persoas son as encargadas de axudar ás mozas e mozos que participan neste programa na procura de emprego e na adquisición das habilitades que máis demanda o mercado laboral.

O obxectivo de Xuventude Mentoring é facilitar á xente nova a transición desde o ámbito académico ao laboral. A través deste programa —que conta coa colaboración do Consorcio Interunivesitario de Galicia (Cixug) e das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo—, ofrécese á xuventude un primeiro contacto profesional coa súa área de coñecemento, con actividades formativas, sesións de networking e visitas a empresas para que esta poida crear a súa rede de contactos.

O Xuventude Mentoring conta con financiamento do Fondo Social Europeo nun 80%, con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil para o período 2014-2020.

 
 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2023