A economía galega medrou un 1,1 % entre xaneiro e marzo, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde o ano 2018

O PIB galego creceu un 2,8 % en relación ao primeiro trimestre do pasado ano

O emprego medrou un 1,2 %, cun incremento de 12.577 postos de traballo en relación ao mesmo trimestre de 2022

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2023

A economía galega medrou un 1,1 % entre xaneiro e marzo, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde o ano 2018, segundo se desprende da información da contabilidade trimestral referente ao primeiro trimestre do ano, publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

En canto á evolución interanual, no primeiro trimestre de 2023 o PIB autonómico aumentou un 2,8 % en relación ao mesmo período do ano anterior.

Desde o punto de vista da demanda, neste primeiro trimestre as exportacións de bens e servizos aumentaron un 4,7%, e a formación bruta de capital medrou un 3,3%. No que respecta á oferta, a industria medrou un 8,9 %; a construción un 4,0 % e os servizos un 1,8 %, cun maior incremento no apartado de comercio, transporte e hostalería (6,0 %).

 

Ademais, os datos de contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego –medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- medrou no primeiro trimestre un 1,2 %, o que supón un incremento de 12.577 postos respecto ao mesmo trimestre do ano anterior.

 

Por ramas de actividade, o emprego creceu un 2,8 % no sector da construción; un 1,7 % no sector da industria; e un 1,1 % no sector servizos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2023