Comesaña destaca o labor do persoal de enfermería do Sergas no coidado dos pacientes con enfermidades urolóxicas

Durante os días 25, 26 e 27 de maio, Santiago de Compostela acolle un Congreso no que profesionais nacionais e internacionais de Enfermería, procurarán avanzar cara á excelencia no coidado de pacientes con trastornos urolóxicos

O titular de Sanidade salienta a implicación do persoal de Enfermería do Sergas nas actividades formativas da cirurxía robótica, o que permitiu realizar, a peche de 2022, un total de 2.760 intervencións, e das que o 33 % pertencían ao eido da Uroloxía

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023 O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; inaugurou esta mañá en Santiago de Compostela o XLI Congreso Nacional da Asociación Española de Enfermería en Uroloxía, Androloxía e Incontinencia Urinaria, un acto no que puxo en valor o traballo diario que desempeñan os profesionais de enfermería do Sergas, no ámbito das enfermidades e dos trastornos urolóxicos.

O Hotel Monumento San Francisco acolle, durante os días 25, 26 e 27 de maio, un encontro no que profesionais nacionais e internacionais da Enfermería urolóxica, intercambiarán coñecemento e experiencias co obxectivo de avanzar cara a excelencia no coidado dos pacientes que sofren algún tipo de doenza desta especialidade clínica.

O titular da carteira sanitaria da Xunta salientou a importancia que posúe a investigación no ámbito da enfermería. Así, destacou o valor que posúen algunhas das iniciativas innovadoras que desenvolve o Servizo Galego de Saúde, como é o caso de Femora, na que se recompilan procedementos e protocolos baseados na evidencia científica, e na que se facilita o acceso dos profesionais sanitarios ás prácticas clínicas máis axeitadas e eficientes, como por exemplo, a sondaxe vesical.

Durante a súa intervención, o conselleiro tivo palabras de agradecemento para o persoal de enfermería pola súa implicación nas actividades formativas da cirurxía robótica pois, segundo apuntou, o seu esforzo contribuíu a que ata o ano 2022, os robots Da Vinci adquiridos pola Xunta realizasen un total de 2.760 intervencións, e das que o 33 % pertencían ao ámbito da Uroloxía.

Acompañado polo presidente da Asociación Española de Enfermería en Uroloxía, Ramón Bernal; a vicepresidenta do Colexio Oficial de Enfermería de Pontevedra, María Sol Montenegro; e a directora de Enfermería da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Victoria Carral; Comesaña salientou tamén as importantes achegas que realizan os profesionais de enfermería na elaboración dos Procesos Asistenciais Integrados (PAI), e entre os que se inclúe, entre outros, o do cancro de próstata.

Nesta liña, sinalou que Galicia está a avanzar na implementación da indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos suxeitos a prescrición médica por parte das enfermeiras no ámbito das ostomías e, máis en concreto, no das urostomías, pois este protocolo permite que os profesionais de enfermería realicen o procedemento.

Comesaña pechou o acto inaugural do XLI Congreso Nacional da Asociación Española de Enfermería en Uroloxía, Androloxía e Incontinencia Urinaria, remarcando a importancia desta xuntanza e, aseverou que “o nivel de profesionalización e especialización dos participantes, dará lugar a unhas sinerxías positivas que redundarán en beneficio dos nosos pacientes”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2023