A Xunta apoia a celebración en Lugo de varias citas deportivas de máximo nivel mundial de billar

A World Cup Of Pool, o Spanish Open, o FSR Junior Open e o 31º Campionato Galego de Equipos sucederanse no Pazo de Feiras e Congresos entre o 20 de xuño e o 2 de xullo

Lugo, 25 de maio de 2023

A Xunta, a través da Axencia de Turismo de Galicia, apoia a celebración de varios encontros deportivos de máximo nivel mundial de billar que se sucederán no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo entre o 20 de xuño e o 2 de xullo. O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, participou hoxe nunha reunión xunto con representantes da organización e entidades implicadas.

En canto ao calendario previsto, do 20 ao 25 de xuño celebrarase o Spanish Open, un novo evento principal do ranking mundial de Bola 9, que contará con 256 xogadores de todo o mundo. O 23 e o 24 de xuño terá lugar o FSR Junior Open; e do 27 de xuño ao 2 de xullo desenvolverase a World Cup of Pool, un campionato de billar americano na modalidade de Bola 9, que reúne a 64 xogadores de 32 países.

Os encontros internacionais son organizados por Matchroom, o maior promotor de billar americano do mundo, e retransmitiranse a través de canais e plataformas como Sky Sports, Dazn, Viaplay, Ziggo, Matchroom.Live, Weibo, Facebook e Youtube. 

En paralelo a estas convocatorias, os días 24 e 30 de xuño e 1 e 2 de xullo terá lugar o 31º Campionato Galego de Billar Pool de Equipos, que congregará a máis de 1.000 xogadores no Pazo de Feiras, onde se instalarán corenta mesas homologadas. Os participantes neste torneo, considerado como o máis multitudinario de Europa, disputaranse os títulos autonómicos e os premios dispostos pola Asociación Galega de Billar Pool para o remate da tempada deportiva 2022/2023.

Arias subliñou a “gran repercusión económica e mediática que terá este encontro na cidade”, que será o foco central do mundo do billar durante varios días. Nese sentido, remarcou que ademais de acoller ás principais figuras internacionais deste deporte, os campionatos atraerán a Lugo a multitude de afeccionados para presenciar as partidas que se disputen no Pazo de Feiras.

A retransmisión dos eventos a través de canais internacionais “tamén suporá unha importante proxección para Lugo”, subliñou Arias, “máis aínda cando moitas destas plataformas teñen previsto desprazarse para facer programas e entrevistas que terán como escenario diferentes puntos do concello”.

Pola súa banda, os promotores cifraron en 2 M€ o orzamento total destinado a montar estes torneos. En canto ao seu impacto económico, resaltaron que só para instalar o equipamento necesario e homologado no recinto feiral desprazaranse a Lugo 75 técnicos de diferentes países; ademais dos milleiros de participantes e afeccionados que visitarán a cidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2023