A Xunta inxecta máis de 2,4 M€ para que os investigadores posdoutorais afiancen a súa traxectoria científica

O presidente subliña que o obxectivo é que estes profesionais completen a súa formación e “poidan establecer unha liña de investigación propia”

Explica que se impulsará a contratación de 23 investigadores por un período de dous anos e 49.000 €/ano

Poderán beneficiarse das achegas para contratar tanto as universidades coma as fundacións sanitarias públicas ou os centros do CSIC en Galicia

Enmárcanse na aposta do Goberno galego por favorecer a carreira científica e o desenvolvemento dun sistema galego de investigación forte especializado
 

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2023 O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello autorizou destinar 2,4 millóns de euros a unha nova convocatoria de axudas para impulsar a contratación de 23 investigadores na fase posdoutoral. “O obxectivo é que, unha vez rematado o doutoramento, poidan mellorar a súa formación e establecer unha liña de investigación propia”, indicou.

Rueda explicou que destas axudas benefícianse as universidades públicas galegas, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións de investigación sanitaria e os centros do Consello Superior de Investigacións Científicas radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores para completar a etapa de formación posdoutoral. En concreto, na convocatoria hoxe autorizada polo Consello haberá 20 axudas para contratos nas universidades e outras tres para a contratación no resto de entidades.

Dous anos de contrato

O presidente resaltou que “serán contratos de dous anos de duración por un montante de 49.000 € por ano”. O obxectivo é dar continuidade á carreira investigadora destas persoas, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria.

O importe das axudas nesta modalidade destinarase a pagamento dos contratos, pero tamén a que poñan en marcha unha liña de investigación propia. Entre os gastos considerados elixibles, asociados á creación dunha liña de investigación propia, están a compra de pequeno equipamento inventariable e material funxible ou material bibliográfico, a contratación de persoal investigador ou auxiliar ou os gastos derivados do uso de ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, entre outros.

Ao igual que na pasada convocatoria -seguindo a Lei 13/2021 en materia de igualdade- nesta tamén se manteñen os mecanismos correctores e obxectivos no sistema de puntuacións para evitar a discriminación ou penalización de mulleres e homes en casos de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/05/2023